Vodafone incrementa a faceta smart do noso fogar co servizo Super WiFi
luns, 1 de abril do 2019
Vodafone
presentou hoxe un interesante servizo para a nosa casa ou espazo de
traballo. Trátase
de Vodafone Super WiFi, un complemento da operadora ao concepto de
fogar dixital que, ademais, pon un extra de conectividade
intelixente. O resultado: mellórase con tecnoloxías sen fíos e
recursos smart (máis cobertura, velocidade e marxe de
control) a actividade dos dispositivos conectados á fibra de
Vodafone One e, en última instancia, a experiencia dos usuarios.
Polo
que respecta á cobertura dos obxectos conectados, ponse en xogo a
posibilidade de integrar e dinamizar todas as estancias, isto faise
mediante extensores intelixentes que crean unha rede Mesh (rede
mallada), así como optimizando o sinal en cada unha delas. O
compoñente smart vén dado pola capacidade do sistema de
verificar as necesidades de cada dispositivo conectado, fornecendo da
máxima calidade de conexión (de maneira automática e transparente)
aos obxectos que máis demanden. Entre as características de Super
WiFi tamén se inclúe a capacidade de aprender: o sistema é quen de
sumar coñecemento e proporcionar a mellor conexión adaptándose,
tamén, a cambios externos e internos dentro da casa.
Segundo
explica Vodafone, a tecnoloxía resultante é unha tecnoloxía que
precisa do mínimo da nosa parte para traballar optimizada. De feito,
xestiónase dende a nube, conectando ao router de banda larga
de Vodafone o extensor “dispositivo amplificador”, unha conexión
sinxela e continua.
O
servizo baséase na instalación, personalizada por un técnico de
Vodafone, de extensores de altas prestacións, cun software integrado
que dota a aqueles de intelixencia “para garantir a mellor
experiencia Wi-Fi”. A maiores, o servizo disporá dunha aplicación
móbil que permitirá aos clientes xestionar a rede sen fíos do seu
fogar para dar acceso a convidados, facer seguimento de todos os
dispositivos conectados no fogar ou realizar probas de velocidade.
Vodafone
Super WiFi está dispoñíbel dende o 15 de abril para usuarios
particulares, autónomos e pequenas empresas con paquetes de fibra. O
servizo inclúe a instalación personalizada dun máximo de 2
extensores Wi-Fi intelixentes (en función do tipo de fogar e
compatibilidade do servizo co router principal). Para clientes
con paquetes de fibra con velocidade de 1Gbps, o custo do servizo
será gratuíto e os que teñan outros plans poderán gozalo por 6
euros ao mes. Aquelas persoas que teñan necesidades adicionais polo
deseño específico do seu fogar poderán personalizar o seu servizo
ampliándoo coa instalación de máis extensores sen fíos
intelixentes por 3 euros ao mes por extensor adicional.