Vodafone inicia a actualización da súa rede HFC para permitir conexións simétricas a 1 Gbps

luns, 9 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

O pasado mes de setembro Vodafone adiantaba melloras nas súas redes de banda larga fixa e móbil, sendo especialmente salientable a relativa á rede fixa herdada de Ono, que en vez de estar baseada en fibra óptica até o fogar (FTTH) emprega cable coaxial para chegar aos usuarios finais (HFC) como en Galicia fai o operador R, e para que os clientes de Vodafone non sexan de primeira ou de segunda en función do tipo de cable que chegue até o seu domicilio anuncian hoxe a actualización da súa rede HFC a DOCSIS 3.1, o que permitiría velocidades simétricas de até 1 Gbps. Vodafone tamén estre unha nova arquitectura baseada no despregamento de puntos de extensión da rede de fibra e o aumento do largo de banda dispoñible para cada cliente.
Entre as vantaxes coas que contarán os clientes de Vodafone na súa rede HFC destaca unha maior velocidade de acceso á Internet, a mellora operativa e de calidade da rede e unha maior flexibilidade e escalabilidade (o actual estándar DOCSIS 3.1 permitiría velocidades de descarga de até 10 Gbps).
Esta actualización comezou nas principais cidades españolas e ampliarase até a totalidade do territorio español nos vindeiros 24 meses.

PUBLICIDADE