Vodafone integrará HBO España na súa oferta audiovisual

mércores, 16 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Tras moitos rumores sobre a chegada da oferta de vídeo baixo demanda de HBO no noso territorio, finalmente é Vodafone a compañía que achega información sobre este inminente lanzamento, e anuncia que estreará HBO España dentro das súas modalidades converxentes Vodafone One, de xeito que os seus clientes poderán gozar da nova oferta a través do servizo de televisión contratado, de Vodafone TV e de dispositivos móbiles e ordenadores podendo incluír HBO España dentro da súa factura habitual.
HBO España estará incluído de balde durante dous anos para os clientes de Vodafone One L, XL ou coas tarifas Red L ou XL, mentres que os que teñan Red M ou Vodafone One M terán o servizo de balde durante 3 meses. No caso dos usuarios de Internet Móvil L a plataforma de HBO España tamén estará incluída durante 2 anos. Rematadas as promocións, ou para clientes con outras modalidades de contrato, o servizo de HBO España custará 7,99 euros/mes (co primeiro mes de balde) de xeito que tería o mesmo prezo de partida que Netflix.
Vodafone confirma que HBO España chegará nas vindeiras semanas ofrecendo as tempadas completas de series estrela como Juego de Tronos, True Detective, Girls, Veep ou Silicon Valley, á vez que tamén ofrecerá simultaneamente á estrea norteamericana series como Westworld, The Night Of ou Divorce, aínda que para moitos espectadores o máis atractivo será o fondo de catálogo da compañía, que inclúe series case de culto como Los Soprano ou Sexo en Nueva York, ás que se une unha grande selección de contido para toda a familia.
Para ir quecendo motores HBO España vén de estrear na súa páxina web unha sección con episodios exclusivos na que recollen o primeiro capítulo dalgunhas das series que estarán dispoñibles en exclusiva en HBO España, comezando por The Night Of e Vinyl, e ás que se engadirán proximamente Divorce e Westworld.
Polo momento descoñécese a data de lanzamento oficial de HBO España e a súa estrutura de prezos, pero en visto do comunicado por Vodafone todo apunta a que teremos practicamente as mesmas condicións que Netflix, dando lugar a un novo escenario do vídeo baixo demanda en España, no que a competencia increméntase de xeito importante, á vez que dificulta a elección aos consumidores, que en moitos casos non estarán dispostos a subscribir dous servizos de vídeo baixo demanda (tanto polo prezo como pola exceso de oferta audiovisual) o que podería erosionar os resultados dos axentes actuais.

Vídeo promocional da chegada de HBO España a Vodafone

PUBLICIDADE