Vodafone lanza un servizo de liñas móbiles de respaldo con eSIM para a continuidade do negocio

mércores, 23 de xullo do 2025 S. P.

Vodafone Empresas presentou este 23 de xullo o servizo Vodafone Always On, que permite contar con liñas de respaldo mediante eSIM, listas para usar en caso de caída do operador principal ou falta de cobertura en zonas clave para o negocio.
En palabras da operadora, “esta solución está dirixida a empresas que requiren unha continuidade operativa sen interrupcións e que non se poden permitir quedarse sen conectividade, aínda que sexa de forma puntual”. Trátase de compañías con persoal crítico, como directivos clave, equipos de emerxencia, comerciais en mobilidade ou traballadores en remoto, e que necesitan un plan de continxencia fiable ante incidencias coa súa operadora principal, ciberataques ou caídas de rede.
Con esta iniciativa, os clientes poden instalar unha eSIM de Vodafone nos seus dispositivos e mantela en estado latente por un custo mínimo (1€/mes), sen afectar á súa operativa habitual. “Deste xeito, se a operadora principal sofre unha interrupción do servizo ou a cobertura é deficiente, a liña de respaldo pode activarse para manter a conectividade”, informa Vodafone, engadindo que “esta proposta cobra aínda máis sentido tendo en conta que, segundo estudos independentes, a rede de Vodafone foi a que mellor respondeu no apagamento eléctrico do 28 de abril, o que reafirma a súa fiabilidade en momentos críticos”.
“Queremos ofrecer ás empresas unha solución sinxela, eficaz e económica para garantir a súa conectividade en todo momento, mesmo se a operadora principal falla. É tamén unha porta aberta para que poidan comprobar por si mesmas a calidade da nosa rede. Non se trata só de ofrecer respaldo, senón de ofrecer confianza”, destaca Jesús Suso, director de Vodafone Empresas.
O servizo Vodafone Always On ten unha cota de alta de 5€ e unha cota de mantemento mensual de 1€ por dispoñer do servizo. O servizo conta con dous plans de prezos que só se activan co primeiro uso, podendo seleccionar o que mellor se adapte ás necesidades do cliente:
Plan Always On 12GB. Cunha cota mensual por uso de 12€ inclúense 12GB e 100 minutos en chamadas nacionais ao mes.
Plan Always On Ilimitado. Cunha cota mensual por uso de 20€ inclúense datos ilimitados e 500 minutos en chamadas nacionais ao mes.