Vodafone lanza unha app para a rapazada con máis de 3.000 contidos

venres, 12 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Vodafone lanzou hoxe unha aplicación para móbiles destinada a garantir a tranquilidade das nais e dos pais perante os contidos que a rapazada poida ver ou empregar, ao tempo que asegura un lecer educativo, construtivo e creativo para os pequenos usuarios. Estamos a falar de Kids Planet, app lanzada en colaboración coa compañía OnMobile e que sae ao mercado de ferramentas con máis de 3.000 contidos de Sanrio, Planeta Junior, Highlights for Children, Lingo Kids ou Motion Pictures. Segundo confirmou a operadora, Kids Planet non é unha aplicación calquera: é unha achega de alto valor educativo para nenas e nenos de entre 3 e 12 anos. A gran pega é que polo de agora non se ofrece en galego, aínda que si en catalán e castelán.
Por cousas concretas coas que poderán atoparse os rapaces, preséntase (dende calquera dispositivo) un amplo abano de xogos, vídeos, contos e cancións. Por outra banda, a app pon en xogo diversos recursos para que o carácter positivo da mesma fique sempre asegurada: achégase unha contorna segura que impide que o neno poida acceder a outras apps do teléfono ou navegar en Internet, permítese establecer diferentes perfís segundo a idade dos nenos, é posíbel definir un número de horas nas que se pode utilizar o servizo, e tamén subminístrase a posibilidade de comprobar a quen contidos accederon.
Porén, malia que Kids Planet sae ao mercado cunha ampla marxe de linguas dispoñíbeis (español, inglés e catalán), non se ofrece polo de agora en galego, aínda que está fóra de toda dúbida que Vodafone gañaría prestixio e confianza no mercado da nosa terra se o fixese. A ferramenta, polo demais, ten tamén a vantaxe de que se permite descargar contidos para podermos acceder a eles sen conexión. Amais, non hai publicidade nin compras incluídas.
Kids Planet pódese utilizar en smartphones e tabletas cun mes de proba gratuíta e está dispoñíbel en Google Play, Vodafone Start e na web www.kidsplanetvodafone.es desde hoxe. En datas vindeiras tamén estará accesíbel para iOS.

PUBLICIDADE