Vodafone lidera o ámbito IoT con 8 millóns de liñas
xoves, 9 de xaneiro do 2025
Co arrinque do ano Vodafone fixo balance da súas liñas de Internet das Cousas (IoT polas súas siglas en inglés: Internet of Things), que, segundo indicou a operadora, chegaron á cifra récord de 8 millóns en 2024, un incremento do 21% respecto ao ano anterior. A compañía de telecomunicacións gañou 1,4 millóns de novas liñas no ano.
No balance indícase que estas cifras “son o resultado da estratexia de diversificación de produtos e servizos realizada nos últimos anos” e da “despregadura pioneira da primeira rede específica da internet das Cousas en España (Nb-IoT) en 2017”. Vodafone lembrar que esta rede está dispoñíbel nas todas as capitais de provincia e os seus arredores, con máis de 16.782 emprazamentos de rede. Cada estación base pode conectar máis de 100.000 dispositivos á Internet das Cousas sen deixar de incrementar tanto as velocidades de descarga como a de subida de datos e reducindo as latencias.
Jesús Suso, director de Vodafone Empresas, sinalou: “Estamos moi orgullosos de alcanzar os 8 millóns de liñas IoT no mercado español. Este fito reflicte o compromiso de Vodafone coa innovación e a transformación dixital das empresas e administracións públicas en España. A tecnoloxía IoT está a xogar un papel clave na mellora da eficiencia dos negocios, a sustentabilidade e a vida cotiá dos cidadáns e continuaremos impulsando solucións avanzadas para liderar esta revolución dixital".
Engade Suso que a tecnoloxía IoT permite tomar decisións rápidas e fundamentadas con datos instantáneos ao alcance da man. Desta forma, as empresas poden aplicar modelos dinámicos de fixación de prezos en tempo real e xestionar activos máis aló do contador, desde a carga de vehículos eléctricos e paneis solares ata o almacenamento de enerxía, entre outros.
Na actualidade, Vodafone España integra a tecnoloxía IoT en sectores como a seguridade e as alarmas conectadas, a banca a través dos medios de pago, os operadores loxísticos, as frotas conectadas, as enerxías renovábeis, a agricultura, a xestión das Cidades Intelixentes, os residuos ou a xestión integral de auga e electricidade ou os servizos asistenciais, entre outros ámbitos.
No ámbito das subministracións urbanas, destaca o acordo ao que Vodafone España chegou con Aqualia para dixitalizar o ciclo de xestión da auga, que implicará a conexión á rede NB-IoT de máis de 1 millón de contadores de auga durante os cinco primeiros anos do contrato. Tamén neste ámbito, Vodafone adxudicouse o maior dos catro lotes do contrato co que o Canal de Isabel II adquiriu contadores de auga con conectividade NB-IoT e servizos de telecomunicacións para a súa telelectura automática por un importe de máis de 25 millóns de euros. Este contrato supón a subministración de 315.000 contadores de auga e a despregadura da súa conectividade IoT durante os próximos 5 anos. A dixitalización deste proceso ofrece aos usuarios un mellor coñecemento dos usos da auga e da eficiencia no uso desta, incrementar a transparencia na xestión da auga, contribuír á mellora en aspectos ambientais e xerar emprego de alta cualificación técnica.