Vodafone mantén aberto até o 31 de xullo o prazo para achegarmos proxectos solidarios a Connecting for Good

xoves, 14 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A Fundación Vodafone vai manter aberto até o 31 de xuño o prazo para presentarmos candidaturas á terceira edición de Connecting For Good Galicia, a iniciativa conxunta da compañía de telecomunicacións e o Goberno autonómico para impulsar, visualizar e premiar proxectos tecnolóxicos con clara vontade de facer o ben, solidarios e sociais. En concreto, valóranse aquelas iniciativas que resolvan algún reto social no ámbito da educación, saúde, participación cidadá, ou calquera dos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020. Ademais, terase moi en conta o “enfoque inclusivo” en relación a persoas con diversidades funcionais ou cognitivas e persoas maiores.
Nesta convocatoria, coma nas edicións previas, seleccionaranse un máximo de seis iniciativas de emprendemento, que contarán cun patrocinio de 2.000 euros cada unha, concedido pola Xunta, así como de axudas, outorgadas por Fundación Vodafone, para a contratación de persoas con diversidades para o desenvolvemento das súas respectivas ideas de negocio. Doutra banda, tamén poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha. Ademais, a Fundación Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.
Os proxectos incorporados ao programa beneficiaranse de sesións de formación e asesoramento e accederán a un conxunto de ferramentas e recursos a través “dun traballo personalizado” e “dunha metodoloxía de aceleración específica baseada na innovación”. Todas as iniciativas disporán dun espazo de traballo na sede de Vodafone Connecting for Good, situada nas dependencias do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, para “facilitar a coordinación e xestión das propostas”.
O fallo do Xurado cos proxectos seleccionados notificarase antes do 1 de outubro. A fase de formación dos participantes terá unha duración de seis meses, desde o 15 de outubro de 2018 até o 15 de abril de 2019.
Para a valoración dos proxectos, os responsábeis dos mesmos deberán rexistrar a candidatura na web específica da fundación, www.fundacionvodafone.es/premios. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, comezará o proceso de selección dos participantes que constará de tres fases.

PUBLICIDADE