Vodafone mellora a app do sistema de bicicletas compartidas de Barcelona

xoves, 23 de abril do 2015 Redacción

Optar por novas canles de transporte, deixando nun segundo termo os nosos vehículos cómodos mais altamente contaminantes foi un dos alicerces da creación de Bicing, o sistema de bicicleta compartida da cidade de Barcelona, inaugurado en 2007. Trátase dun servizo que coida o medio ambiente converténdose nun complemento ideal ao transporte público. Visto o auxe deste dispositivo, Barcelona de Serveis Municipals (B:SM), a empresa de publicidade Clear Channel e Vodafone veñen de presentar a nova versión de aplicación para móbiles do servizo Vodafone Bicing, baseada no concepto da gamificación (ou uso de técnicas propias dos xogos e o lecer en actividades non recreativas para converter unha actividade pouco atractiva en algo que motive á persoa a participar nela, como sería premiar con insignias certos logros ao longo da actividade).
A app, que se presenta aos usuarios con feitura de xogo, premia as condutas saudábeis e sustentábeis que colaboran co medio ambiente e fomenta a realización de actividade física. Á vez, dá a oportunidade aos usuarios de divertirse co servizo e de conseguir diversos agasallos por empregalo, como accesorios de bicicleta ou activos de Vodafone Bicing (abonos, viaxes da modalidade eléctrica, etc.).
Esta nova aplicación, dispoñíbel para iPhone e Android, avalía os desprazamentos sustentábeis de cada usuario, e cuantifica 3 parámetros da viaxe en función do peso e a idade do usuario: os gramos de CO2 aforrados, as calorías queimadas e o nivel de felicidade, que se mide segundo o nivel de endorfinas liberadas despois de facer unha actividade saudábel. Por cada viaxe, segundo estas 3 variábeis, e segundo a tipoloxía da viaxe (subida ou baixada, máis longo ou máis curto, etc.) o xogo dará un máximo de puntos mensuais a cada xogador, que poderá trocar por diferentes agasallos.
Asemade, a app achega información sobre cal foi a última ancoraxe de cada usuario, o que permite verificar a correcta devolución da bici na última viaxe realizada. Para fomentar o correcto uso do servizo, daranse puntos adicionais cando se consulte esta información. Amais disto, os usuarios poden consultar as estatísticas completas da súa actividade en calquera intre a través da propia aplicación.
A app ten diferentes niveis. No nivel I, Vodafone Bicing irá lanzando diferentes retos aos usuarios, por exemplo acadar un nivel determinado de aforro de gramos de CO2. Estes retos faranlles gañar puntos extras, e non terán un límite de tempo, o que permitirá aos xogadores ir ao seu ritmo e familiarizarse así co xogo. A medida que o usuario vaia avanzando e gañando puntos, subirá ao nivel II, e será nesta segunda fase cando se introducirá no xogo un factor competitivo con outros usuarios. Para poder entrar no xogo, os participantes deberán comezar a sesión da mesma maneira, como o fan cando entran na súa zona de usuarios na web, empregando o mesmo nome de usuario e contrasinal.
Alén das novidades, a app Vodafone Bicing mantén todas as funcionalidades actuais: unha listaxe das estacións, o mapa que as sitúa e indica a dispoñibilidade de bicis e ancoraxes, e a posibilidade de marcar estacións preferidas. A finais de maio, está previsto que estea dispoñíbel o novo planificador de rutas.

PUBLICIDADE