Vodafone moderniza a empresa galega de recambios automobilísticos Grupo Recalvi
xoves, 6 de xuño do 2024
A empresa galega Grupo Recalvi, centrada no sector dos recambios de automóbiles dende 1984, no seu afán de modernizarse ven de aliarse coa operadora de telefonía Vodafone. Con este obxectivo Recalvi confiou a Vodafone a realización dun proxecto tecnolóxico na súa sede principal de Vigo.
O proxecto posto en marcha en Recalvi contou co apoio de Fractalia, e incluíu diferentes accións: instalación dun videowall, creación dun showroom con diferentes ambientes onde se exporán varios vehículos, artigos e pezas de Fórmula 1, Rally e MotoGP (obxectos de incalculábel valor que Chema Rodríguez, CEO do Grupo Recalvi, recompilou durante máis de 10 anos ao redor de todo o mundo). Asemade, tamén se desenvolveu unha innovadora sala de vídeo inmersiva para proxectar imaxes, facer reunións interactivas e presentar distintos eventos e patrocinios. Por último, creouse unha aula formativa de Seguridade Viaria para colexios, onde os máis pequenos terán a oportunidade de aprender todo o relacionado coa seguridade nas rúas.
Na contorna do showroom tivo lugar, esta mañá do xoves 6 de xuño, un evento organizado por Vodafone Business e Ericsson para explicar todo o que as Redes Privadas 5G poden facer polas empresas. O evento contou coa participación de expertos, que explicaron aos asistentes como estas redes son o soporte sobre o que construír o desenvolvemento tecnolóxico de empresas e Administracións Públicas, e como están a impulsar o desenvolvemento de tecnoloxías como IoT, Edge Computing ou Intelixencia Artificial. O acto finalizou cunha visita privada ao showroom de Recalvi, en primicia para os asistentes xa que aínda non se atopa aberto ao público.
Fran Vallejo, director de produtos e solucións para empresas de Vodafone, subliñou que “as redes privadas 5G terán unha repercusión decisiva en diversos sectores con gran potencial de dixitalización, e favorecerán o desenvolvemento doutras patentes tecnolóxicas como a análise da información masiva (Big Data), a IA ou a Internet das Cousas (IoT).”.
Pola súa banda, Anselmo Carrascosa, director de Negocio de Vodafone en Ericsson, comentou: “As redes 5G privadas achegan características diferenciais de cobertura, capacidade, velocidade e baixa latencia que posibilitan o desenvolvemento de novas aplicacións e casos de uso no eido empresarial. Estas redes impulsan a produtividade, a seguridade nas operacións, a eficiencia nos procesos, e a sustentabilidade, estimulando un desenvolvemento e dixitalización do tecido empresarial sen precedentes. Estamos moi felices de poder contribuír, como parte desta colaboración con Vodafone, ao desenvolvemento do negocio de Redes Privadas 5G”.