Vodafone non cobrará o tráfico móbil de música e vídeo durante o verán a moitos dos seus clientes

luns, 18 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Os operadores de telecomunicacións están a ofrecer numerosas promocións de cara ao verán, para evitar en boa medida que moitos dos seus clientes muden de operador simplemente para poder gozar da banda larga móbil durante as súas vacacións simplemente para poder manter os seus hábitos de consumo audiovisual, e así temos como Vodafone presentou un par de promocións destinadas a fidelizar aos seus clientes.
Por unha banda, os clientes con Vodafone TV poderán gozar tanto dos seus servizos de televisión contratados como de contidos de plataformas como HBO, Filmin, Netflix ou YouTube dende a súa conexión móbil sen que desconte datos da súa tarifa xa que poderán gozar do Video Pass de balde até o 30 de setembro, tendo que activar tal promoción a través da aplicación Mi Vodafone.
No caso do consumo musical a oferta vai aínda máis aló, e os clientes de tarifas móbiles de contrato que non probaran TIDAL poderán contratar de balde este servizo de streaming musical durante 3 meses e, ademais, poder gozar do Music Pass até o 30 de setembro, ou sexa, que o seu consumo de música no móbil tampouco descontará datos da súa tarifa.
Ambas promocións fan que para moitos usuarios non teña sentido contratar novos bonos de datos ou querer aproveitar algunha das tarifas da competencia, xa que ven cubertas as súas necesidades sen ter que realizar novas contratacións nin complexos cambios.
Adicionalmente Vodafone tamén está a ofrecer a posibilidade de, cada día no que xoga un encontro a Selección Española de fútbol no Mundial, poder acudir á app de Mi Vodafone e solicitar 1 GB de datos adicional, co que búscase que os usuarios poidan así gozar dos mellores momentos do partido no móbil, así como comentalo nas redes sociais, sen medo a esgotar a súa tarifa de datos habitual.

PUBLICIDADE