Vodafone permite dicir adeus á cota de liña aos seus clientes británicos de fibra óptica

martes, 9 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Durante moitos anos a banda larga fixa vén ligada a unha liña de telefonía, o que tiña certo sentido no caso do ADSL, xa que o transporte do sinal facíase a través do cable telefónico, pero coa fibra óptica forzar a contratar un servizo de voz que en moitos casos non se usaba parecía ridículo, e no Reino Unido soubo velo así e decidiu dar un paso que vai mudar radicalmente o contorno competitivo ao permitir que os seus usuarios de fibra óptica poidan aforrar dende 17,40 libras esterlinas ao mes (20,36 euros) se queren prescindir da súa liña de voz e dicindo así adeus a un dos custos ocultos en moitas das ofertas de banda larga (que normalmente anuncia o prezo do servizo de datos, pero deixan a cota liña nun simple asterisco, dificultando a comparación de prezos).
Con esta agresiva promoción Vodafone ofrece fibra óptica de até 38 Mbps por só 25 libras ao mes (22 libras no caso de clientes que teñan móbil con eles) ou 28 libras ao mes por conexións de 76 Mbps, ofertas moito máis atractivas que as dos seus competidores que cobra entre 35,20 e 47,40 libras ao mes por un servizo semellante. A compañía fala que nun período de 18 meses o aforro con Vodafone sería de 129 libras comparando con Talk Talk e de 349 libras comparando con Sky, o que claramente será un importante reclamo para captar clientes nos vindeiros meses se os competidores non reaccionan ante o novo escenario.
Esta oferta supón un importante cambio de escenario, principalmente porque afecta realmente aos prezos, algo moi diferente ao que aconteceu en España cando se lanzou o Naked ADSL, unha versión do ADSL sen servizo de voz, que na práctica non supuña ningún aforro, especialmente tras a emerxencia de ofertas combinadas de servizos de telecomunicacións, pero vendo esta decisión de Vodafone en Reino Unido parece razoable pensar que ousarán facer algo semellante no resto dos mercados europeos nos que teñen presenza nos vindeiros meses, o que podería revolucionar a competencia no sector, por desligar definitivamente a banda larga fixa da cada día menos usada telefonía fixa.

PUBLICIDADE