Vodafone pon a disposición dos seus clientes os últimos produtos de Apple

mércores, 23 de setembro do 2020 S. P.

Vodafone anunciou hoxe que xa está a comercializar os últimos produtos de Apple, incluíndo o Apple Watch Series 6, Apple Watch SE, a oitava xeración do iPad e (en datas vindeiras) o redeseñado iPad Air. En termos máis concretos, os clientes poden mercar o Apple Watch Series 6, o Apple Watch SE e o novo iPad desde o pasado venres a través de Vodafone e o iPad Air a partir de outubro.
A operadora tamén fai saber que “grazas ao servizo Vodafone OneNumber”, os usuarios da compañía poderán usar o seu número de teléfono e a súa tarifa de datos nos novos dispositivos de Apple e estar sempre conectados sen necesidade de ter o seu smartphone preto.
A operadora explica que o Apple Watch Series 6 inclúe importantes melloras de hardware, como un chip S6 System in Package (SiP) máis rápido, un altímetro sempre activo de nova xeración e a gama de acabados de caixa e correas, incluíndo a carcasa Vodafone Red de aluminio.
Pola súa banda, o Apple Watch SE vén, en palabras da compañía de telecomunicacións, “con todas as prestacións máis importantes do Apple Watch nun deseño moderno que engaiolará aos clientes e a un prezo máis alcanzábel”. Está dispoñíbel en tres acabados cunha caixa de aluminio 100% reciclaxe e conta coa pantalla Retina máis grande e máis avanzada até a data e inclúe o mesmo acelerómetro, o xiroscopio e o altímetro sempre activo do Apple Watch Series 6.
Polo que respecta á oitava xeración do iPad, conta co potente chip A12 Bionic, o que supón, en palabras de Vodafone, “un gran chimpo en canto ao rendemento”. A12 Bionic leva o Neural Engine ao iPad por vez primeira, facilitando tarefas como a edición de fotos, experiencias de Realidade Aumentada, recoñecemento de escritura a man e moito máis.
Por último, o novo iPad Air está dispoñíbel en cinco acabados e conta cunha pantalla Liquid Retina de 10,9 polgadas de bordo a bordo e un novo sensor Touch ID. Este novo iPad Air estrea A14 Bionic, o chip máis avanzado creado por Apple, cun gran rendemento que permitirá editar vídeos en 4K, crear abraiantes obras de arte ou experiencias de inmersión nos xogos en liña máis avanzados.

PUBLICIDADE