Vodafone presenta un altofalante conectado para controlar a TV a distancia con Alexa integrado

mércores, 11 de novembro do 2020 Sonia Pena

A operadora Vodafone estrea hoxe altofalante conectado, trátase de ÁTIKA, un dispositivo feito por Devialet, empresa francesa de tecnoloxía de audio. O altofalante conectado foi concibido para controlar a televisión a distancia e vén con Alexa integrado e coas funcionalidades de control por voz de Vodafone TV, unha calidade de son premium e con respostas na propia televisión do cliente.
Dende Vodafone subliñan que este é o primeiro altofalante que un operador comercializa no mercado español e que unifica todas estas funcionalidades nun único aparello: o cliente só pode atopar parte destas funcións por separado e a un prezo moi superior.
Indo ao miolo, ÁTIKA permite controlar coa voz o que o usuario quere ver en Vodafone TV. A través de ordes iniciadas con “Ola ÁTIKA”, o espectador pode realizar as mesmas funcións que co seu mando a distancia habitual: acender/apagar, control do volume, cambiar de canle, gravar, retroceder, acceder a aplicacións como Netflix, HBO España, Amazon Prime Vídeo, etc.
O control por voz realízase a través dos 6 micrófonos que ÁTIKA leva incorporados con tecnoloxía de cancelación de ruído para que se recollan claramente as ordes. “Desta forma”, informa Vodafone, “o dispositivo interpretará as peticións dunha forma sinxela, sen que sexa preciso elevar a voz ou achegarse ao aparello”.
Vodafone aliouse con Sagemcom, firma referente en solucións de audio, vídeo e integrador certificado de sistemas de Alexa, para o deseño e a fabricación do hardware, e para o desenvolvemento e integración de software que permite a detección e xestión axeitadas da voz do usuario de ÁTIKA.

PUBLICIDADE