Vodafone presenta un smartwatch para a rapazada cos personaxes máis coñecidos de Disney e Star Wars
mércores, 2 de decembro do 2020
A
operadora Vodafone
e a compañía Disney presentaron este mércores 2 de decembro un
reloxo intelixente especialmente acaído para a xente máis nova da
casa, o smartwatch Neo, deseñado cos personaxes máis
representativos dos filmes de Disney, Pixar, Marvel e Star Wars, e
cunha longa listaxe de funcionalidades que inclúen conectividade,
control parental, chamadas para establecer comunicación coas nais,
pais e titores, chats, personaxes e emojis. A idea é achegar
lecer ao tempo que se achanda o terreo para que as nenas e nenos dean
“os seus primeiros pasos no eido dixital” e, en definitiva,
“descubran, xoguen e medren”.
Estará
dispoñíbel a principios de ano, e para adquirir unha unidade é
preciso facer un pre-rexistro online
a través da tenda de Vodafone.
O
dispositivo incorpora unha cámara na parte dianteira que permite aos
nenos capturar as súas aventuras diarias e dispón dun monitor de
actividade que rexistra e establece un obxectivo para incentivar aos
nenos a manter unha vida activa. Mentres tanto, os pais estarán
conectados cos seus fillos, mesmo cando estean lonxe, con chamadas,
chats e vídeo mensaxes.
As
nais e pais poderán establecer unha listaxe de contactos de
confianza, controlar o tempo de pantalla acesa en Modo non
molestar ou visualizar a localización do reloxo. Conta tamén
con funcionalidades de calendario e o tempo que, segundo informa
Vodafone, incentivan aos nenos a interactuar co mundo ao seu ao
redor. Así mesmo, os pais poderán fixar eventos e recordatorios.
“Neo”, explicou a operadora, “convértese así no dispositivo
perfecto para que pais e fillos estean conectados nunha contorna
divertida e segura, sen acceso a Internet ou ás redes sociais”.