Vodafone prevé absorber Finetwork

venres, 3 de outubro do 2025 Redacción

Vodafone España executará a toma de control de Finetwork a finais deste mes de outubro tras obter a autorización do Goberno, segundo confirmaron fontes xurídicas próximas á operación. A aprobación do Executivo, datada o pasado 30 de setembro, era preceptiva ao considerarse unha inversión estranxeira, dado que Vodafone España pertence ao fondo británico Zegona.
O operador xa notificara o 25 de setembro á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) a súa intención de asumir a maioría do capital de Finetwork polos impagamentos acumulados desta última en virtude do contrato de alugueiro da rede de Vodafone. O regulador dispón dun mes para ditaminar se a operación pode aprobarse en primeira fase ou se require unha análise máis profunda en segunda fase, que podería alongarse ata catro meses. Porén, fontes xurídicas consideran improbable este escenario, xa que Finetwork ten unha cota de mercado reducida e carece de infraestrutura propia, ao empregar a rede de Vodafone.
Con ambos permisos –o do Goberno e o da CNMC–, Vodafone prevé concluír a absorción no prazo dun mes e sumar así arredor dun millón de liñas móbiles e de fibra da compañía eldense, que xa operaba sobre a súa rede. Na actualidade, Vodafone conta con 26,3 millóns de accesos: 12,5 millóns de móbiles, 2,5 millóns de fibra, 1,3 millóns de televisión e 10 millóns de máquina a máquina (IoT).
O proceso de adquisición arrincou tras o auto do Xulgado do Mercantil número 1 de Alacant do 4 de setembro, que avalaba o plan de Vodafone para facerse co control de Finetwork mediante a capitalización da débeda pendente, superior aos 70 millóns de euros. O plan inclúe un aumento de capital por 50 millóns de euros mediante compensación de créditos, o que permitirá a Vodafone quedar co 95 % do capital de Webi Mobile –matriz de Finetwork– e desprazar a Pascual Pérez, fundador e ata agora principal accionista, así como ao fondo Kai Capital. Ademais, contempla unha liña de financiamento de ata 20 millóns de euros para estabilizar a situación patrimonial da empresa, actualmente en insolvencia inminente.
A operación suporá tamén a substitución do actual órgano de administración de Webi Mobile por un novo consello de tres membros designados por Vodafone.
No mercado non se descarta que, unha vez consolidada a absorción, Vodafone abra a porta á entrada do fondo español Asterion no capital da compañía. Asterion, a través de Olin Group, xa negociara en verán con Pascual Pérez a compra de Finetwork