Vodafone proba con éxito a 5G en banda milimétrica

martes, 5 de decembro do 2023 Redacción

Vodafone España vén de realizar o primeiro piloto no mercado español para probar as capacidades que ofrecen as frecuencias 5G na banda milimétrica de 26 GHz, acadando velocidades de descarga superiores a 2 Gbps e de subida por enriba de 430 Mbps, respectivamente, na súa rede comercial. Este piloto prodúcese tras a adquisición de 400MHz na banda de 26 Ghz, por 8 millóns de euros en decembro de 2022.
As probas, realizadas na súa sede de Madrid (Alameda de Osuna), leváronse a cabo con smartphones precomerciales en colaboración con diferentes fabricantes de chipsets como socios tecnolóxicos. Os enxeñeiros de Vodafone agregaron diferentes combinacións de portadoras para conseguir as máximas velocidades posibles utilizando todo o espectro dispoñible (400 MHz) cun alcance de máis de 1 quilómetro con liña de vista á antena desde a súa sede ata o punto onde estaban situados os smartphones. Desta forma a operadora superou os 430 Mbps en velocidade de subida de datos á rede, cando a media habitual non excede os 100 Mbps, e os 2 Gbps en descarga.
Os eventos multitudinarios, como concertos ou partidos de fútbol en estadios, son algúns dos casos de uso onde a operadora ten previsto comprobar o rendemento desta banda milimétrica para ofrecer as capacidades melloradas dos seus servizos 5G aos seus clientes. Outros escenarios posibles son redes móbiles privadas (MPN), emisións multimedia en tempo real, competicións de videoxogos ou xestión e control de drons. Tamén se contemplan Campus Universitarios, zonas comerciais e estacións de transporte con gran afluencia.

PUBLICIDADE