Vodafone proba unha solución pioneira para a detección temperá de incendios forestais

venres, 6 de outubro do 2023 S. P.

Lume forestal en Lugo nunha imaxe de RTVE

Vodafone España informou dos detalles dunha proba piloto que está realizar para a detección temperá de incendios forestais, tirando proveito dunha nova solución da Internet das Cousas (IoT polas súas siglas en inglés). Trátase dunha solución que, a través de sensores capaces de distinguir diferentes tipos de materias e un sistema de algoritmos personalizado para o tipo de vexetación da contorna no que se instale, é capaz de identificar mediante Intelixencia Artificial as partículas que se producen nos primeiros minutos de combustión.
“Grazas a este novo sistema”, explica a operadora “o lume na foresta identifícanse nunha fase incipiente, o que facilita o seu control e extinción de forma rápida para minimizar o seu impacto”.
Os datos recolleitos procésanse mediante tecnoloxía de aprendizaxe-máquina (Machine Learning) e análise de información a gran escala (Big Data), de tal forma “que os sensores identifican como cheira o bosque concreto no que están instalados e, se hai lume, detectalo”.
Vodafone explica que a diferenza doutras tecnoloxías esta solución “permite alertar en poucos minutos da existencia de incendios forestais no seu estadio inicial desde a fase de combustión lenta, sendo esta a chave principal para atallalos con éxito”.
Durante os próximos meses a solución será testada para verificar como axuda á detección temperá e prevención de incendios forestais.
Como dixemos, a idea é tirar proveito da tecnoloxía da Internet das Cousas, e, nun plano máis concreto, da rede de liñas activas IoT que Vodafone España ten arestora activas en España: máis de 5,2 millóns de liñas a data de 31 de marzo de 2023.
Na actualidade, a compañía integra o IoT en sectores como a seguridade e as alarmas conectadas, a banca a través dos medios de pago, os operadores loxísticos, as frotas conectadas, o sector socio-sanitario, as enerxías renovábeis, a agricultura, a xestión de residuos ou a xestión integral das augas.
A nivel global Vodafone conecta máis de 167 millóns de dispositivos e plataformas.


PUBLICIDADE