Vodafone reforza a súa rede 5G en 30 municipios costeiros galegos este verán

martes, 2 de xullo do 2024 S. P.

Vodafone España anunciou que a súa rede 5G vén de ser reforzada en 30 municipios costeiros de Galicia, co obxectivo de “ofrecer a mellor experiencia, conectividade e velocidade de acceso a Internet aos seus clientes durante a tempada estival”, sinalou a operadora., engadindo que da dita trintena de concellos, 17 estrean conectividade 5G por primeira vez e noutros 13 reforzouse a rede 5G aumentando a cobertura. Por provincias, A Coruña é na que máis municipios verán reforzada a súa conectividade 5G.
“Este incremento de cobertura 5G pon de manifesto o esforzo de Vodafone España por atender a demanda de conectividade, mellorando a cobertura e a capacidade da súa rede 5G ante o incremento do tráfico no verán”, explicou a empresa
Desta maneira, a distribución dos municipios costeiros de Galicia incluídos nesta ampliación de cobertura 5G é a seguinte:
· A Coruña, Arteixo (novo), Boiro, Buño (novo), Castiñeiras (novo), Cee (novo), Corcubión (novo), Ferrol, Fisterra (novo), Noia, Perbes (novo), Perillo, Porto do Son (novo), Ribeira, Sada, Vilar (novo) e Vilasanche (novo) na provincia da Coruña.
· Celeiro (novo), Foz, Ribadeo, O Vicedo (novo) e Viveiro (novo) na provincia de Lugo.
· Baiona, Meaño (novo), Nigrán, O Grove, Poio (novo), Redondela (novo), Vigo e Vilagarcía de Arousa (novo) na provincia de Pontevedra.
Esta ampliación de pegada en municipios costeiros forma parte do plan de despregadura da rede 5G de Vodafone España en Galicia, que este ano chegará a 71 novos municipios da nosa comunidade. Estes engádense aos 139 municipios que xa contaban con 5G desde o pasado ano, facendo un total de 210.
“Dous millóns e medio de galegos, tanto particulares como empresas, dispoñerán dunha mellor cobertura, especialmente en interiores de edificios, e de gran dispoñibilidade de largo de banda e de transmisión de datos, tamén en contornas rurais e pequenas localidades da comunidade”, sinalou Vodafone.
A operadora tamén explicou que a rede 4G xa alcanza o 99,62% da poboación e que “seguimos evolucionando tecnoloxías xa absolutamente integradas na súa rede como voz sobre 4G e 5G, que na actualidade chega ao 70% de cobertura e que permite facer chamadas de voz en alta definición e navegar por Internet ou usar servizos de mensaxería como WhatsApp de forma simultánea mentres se fala grazas ao despregadura da tecnoloxía voz sobre 4G e 5G”. Esta tecnoloxía aprovéitase das vantaxes da rede 4G e 5G para ofrecer calidade de audio en alta definición e unha conexión máis rápida sen custo adicional, sen consumir datos e dispoñíbel para todas as tarifas. Ademais, permite realizar chamadas de voz e usar datos de forma simultánea sobre a rede 4G con “total fiabilidade e seguridade”.