Vodafone venderá o Nexus One en España en maio

luns, 26 de abril do 2010 Marcus Fernández

En xaneiro Google presentou oficialmente o seu móbil Nexus One, fabricado por HTC e comercializado inicialmente só nos EE.UU., e que prometía chegar aos mercados europeos en abril a través de Vodafone, aínda que ao ter unhas modestas vendas norteamericanas sorprende que o seu desembarco na Europa continental chegue fóra de prazo, aínda que os británicos terán o terminal nas tendas a partires do 30 de abril, mentres que os usuarios que opten por encargalo na web británica de Vodafone poderán recibir o móbil o 5 de maio. Neste caso o móbil pode saír de balde cun contrato cunha permanencia de 2 anos e unha cota mensual de 35 libras esterlinas (40,57 euros), existindo todo un rango de prezos para o terminal.
Dende Google confirman que Vodafone pronto venderá en primicia o Nexus One en Francia, Alemaña, Italia, Países Baixos e España, á vez que recomendan aos usuarios norteamericanos que gusten do móbil de Google e que non gusten da operadora que o vende en exclusiva (T-Mobile) que opten polo novo Droid Incredible que comercializará Verizon Wireless, e que chegará ás tendas o vindeiro 29 de abril cunhas prestacións semellantes ás do seu curmán.

O Nexus One xa figura na páxina web de Vodafone

Vodafone confirmou que vai achegar o Nexus One a España en maio, engadindo que vai incluír Google Maps Navigation, ou sexa, o servizo de navegación GPS de balde de Google, e habilitando na súa páxina web unha sección dende a que poder inscribirse para recibir información sobre o móbil.
Podemos lembrar que o Nexus One é un terminal de telefonía móbil baseado en Android 2.1, cunha pantalla de 3,7 polgadas cunha resolución de 480 x 800 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon a 1 GHz, 512 Mbytes de RAM e ROM, cámara de 5 Mpíxeles, micrófono secundario para a cancelación de ruído, trackball con LED multicor, Wi-Fi, Bluetooth, GPS, toma para auriculares estándar e lector de tarxetas microSD de ata 32 Gb (Vodafone subministrará unha de 4 Gb co móbil).

PUBLICIDADE