Voluntariado Dixital pon en marcha o seu plan formativo 2015 baixo o paraugas do design thinking

luns, 15 de xuño do 2015 Redacción

O Plan de Formación 2015, incluído dentro do programa Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, vén de anunciar o seu comezo baixo o título Design Thinking para a Innovación Social Dixital. O programa formativo ten prazas limitadas e desenvolverase no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) de Santiago de Compostela. As xornadas están distribuídas en dous bloques: o primeiro celebrarase entre o 17 e 18 de xuño de 16:00 a 20:00 horas e o segundo entre o 1 e 2 de xullo de 16:00 a 20:00 horas.
E cal é a meta desta actividade? Pois achegar as ferramentas e as metodoloxías máis avanzadas para xerar ideas, detectar necesidades de mercado e resolver problemas, apostando pola innovación como un proceso colaborativo.
A través da formación e tomando como referencia práctica os 10 proxectos seleccionados na iniciativa da AMTEGA CeMIT-Innova para a Innovación Social Dixital traballaranse todas as fases da metodoloxía Design Thinking: empatía, definición, ideación, prototipado e testeo. En que se traduce o Design Thinking? É unha disciplina que emprega a sensibilidade e os métodos dos deseñadores para facer coincidir as necesidades das persoas co que é tecnoloxicamente factíbel e viábel dende un punto de vista económico. Así, as sesións estarán ao cargo de Designthinking.gal, un espazo educativo formado por un equipo multidisciplinar.
En canto aos relatores, dicir que asistirán ao evento: Enrique Saavedra (enxeñeiro en Deseño de Inditex e co-fundador do estudo Vermis Project e dos proxectos VermisLAB Designthinking.gal así coma director da delegación inglesa); Marcos Saavedra (deseñador de Produto e co-fundador do estudo Vermis Project e dos proxectos VermisLAB Designthinking.gal así coma director da delegación española); José Ramón Rodríguez (psicólogo empresarial) e Chus Prol (filóloga e storyteller, xestiona o espazo de coworking Doutroxeito).
Os interesados en asistir a este Plan de Formación poden atopar máis información e contidos no Programa. A inscrición pódese formalizar a través da seguinte ligazón da web de voluntariado galego.

PUBLICIDADE