Volve Enreguéifate e o seu certame de improvisacións en vídeo
mércores, 9 de outubro do 2024
A organización do certame Enreguéifate presentou as novidades da súa oitava edición. O proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, reivindica unha vez máis “o valor da improvisación oral en verso, a regueifa, como unha das expresións máis representativas da poesía popular oral galega e, tamén, como unha vía para fomentar o uso da lingua galega, especialmente entre a mocidade”. Novamente Enreguéifate será un certame envorcado nas redes, xa que, entre outros aspectos dixitais, inclúe un certame de improvisacións orais en vídeo que encherá a Rede galega de audiovisuais regueifeiros.
A alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín; o rexedor de Ames, José Blas García Piñeiro; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira; a concelleira de Lingua de Teo, María Vázquez Rey; e Lupe Blanco, regueifeira e formadora do Enreguéifate, quen deu comezo ao acto regueifando, compartiron os detalles desta nova edición. Á presentación asistiron, ademais, responsábeis de normalización lingüística dos concellos impulsores.
Enreguéifate, puro magnetismo! é o lema desta oitava edición que dará comezo cun obradoiro de formación para profesorado. Terá lugar o venres, 18 de outubro, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas de Carballo, da man de Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. Trátase dunha actividade gratuíta para a que está aberta a inscrición até o 15 de outubro a través da web do Enreguéifate. O obxectivo é que corenta e cinco docentes de toda Galicia coñezan o valor da regueifa como ferramenta didáctica.
80 obradoiros
Durante o primeiro e segundo trimestre realizaranse preto de 80 obradoiros de improvisación oral destinados ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e da ESO de centros educativos dos concellos impulsores da iniciativa. Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo e Xairo de Herbón serán nesta edición as persoas encargadas de impartir estas accións formativas.
Prazo e categorías do certame regueifeiro
Con esta oitava edición do Enreguéifate volve tamén unha das súas citas imprescindíbeis, o certame de regueifas en vídeo. O prazo para participar estará aberto entre o 20 de xaneiro e o 20 de marzo de 2025. A inscrición poderá realizarse desde a páxina web do Enreguéifate, onde están xa dispoñíbeis as bases completas do certame.
As persoas interesadas en participar deberán enviar un vídeo no que aparezan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego e cunha duración máxima de 3 minutos.
A concelleira de Lingua de Teo, María Vázquez, apuntou unha das novidades deste ano, no que se ampliarán de seis a oito os premios por cada unha das categorías, a xeral, aberta a calquera persoa; e a escolar, para alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. Así, amais dos xa tradicionais regueipremios para a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada, este ano tamén haberá galardóns para a regueifa máis inclusiva e a máis entroideira. Os galardóns entregaranse nunha gala que este ano volverá ser un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta.