Volve Toponimízate para facer perdurar os nosos nomes de lugar a través dos móbiles

xoves, 18 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A Real Academia Galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vaille dar continuidade ao programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, destinado a pór en valor os nosos nomes de lugar, dende o máis coñecidos até o máis miúdos, dándolles difusión e contribuíndo a preservalos con axuda das novas tecnoloxías (Rede, móbiles, GPS, aplicacións). A segunda edición do programa foi presentada onte nos seus detalles. Por exemplo: que as súas accións de divulgación e mobilización a prol dos topónimos galegos chegará os vindeiros meses a 15 concellos, e que o roteiro inclúe charlas á veciñanza para, entre outras cousas, afondar na orixe de cada nome e difundir a microtoponimia galega a través da xeorreferenciación e xeolocalización.
A Real Academia Galega coordinará esta iniciativa coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A acción enmárcase dentro dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad que coordina a Xunta de Galicia.
Interviñeron na rolda de prensa o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o técnico do Seminario de Onomástica, Vicente Feijoo, e María Luísa Pena Babío, da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.
A segunda edición do programa desenvolverá entre os meses de outubro e decembro en quince concellos da Rede de Dinamización Lingüística: Arzúa, Brión, Cariño, Miño, Muros, Castro de Rei, Cospeito, Foz, O Páramo, Celanova, Parada de Sil, Xinzo de Limia, A Lama, Moaña e Ribadumia. Vicente Feijoo visitará todos estes concellos cunha serie de charlas que contan coa colaboración, na elaboración das etimoloxías, do profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente Gonzalo Navaza.
O presidente da RAG salientou novamente “a excepcional riqueza toponímica de Galicia” e lembrou que “preservala é un compromiso colectivo como o foi a súa creación”. E engadiu, facendo fincapé nesta riqueza inmaterial de noso: “Poucos países contan cunha xeografía tan humanizada como Galicia. Cada rueiro, cada camiño, cada regato, cada cancela, ata os máis pequenos currunchos, non digamos as cidades e os núcleos de poboación, teñen nome. Os nomes de lugar son a alma da Terra, a crónica profunda da historia dos avós, dos devanceiros todos, dende a noite dos tempos, que deixaron pegada neste país”.
O secretario xeral de Política Lingüística subliñou, na mesma liña, que a toponimia e a microtoponimia “forman parte do patrimonio inmaterial dos e das galegas, unha gran riqueza e obra colectiva que non podemos deixar esmorecer”.
Pola súa banda, o técnico do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo, puxo o foco “na boa acollida” da primeira edición de Toponimízate e agardou que “o éxito se repita e contribúa a salvagardar a riqueza toponímica de Galicia”. Segundo dixo, esta é tamén a finalidade (esta arela de mobilizar a veciñas e veciños arredor dunha causa común: a preservación do tesouro dos nomes de lugar) da aplicación tecnolóxica Galicia Nomeada, que estará en datas vindeiras dispoñíbel para dispositivos móbiles. Nas súas palabras, esta ferramenta “servirá para involucrar o voluntariado cultural de Galicia, principalmente a nosa mocidade, na creación da maior obra cultural colectiva do pobo galego”. E engadiu: “Con ela abriremos unha xanela ao mundo para dar a coñecer parte da historia de cada concello, unha intrahistoria que se agocha detrás de cada nome de lugar”.
As charlas de Toponimízate incluirán divulgación sobre a posibilidade de consultarmos a microtoponimia xa xeorreferenciada no Buscador de topónimos e as utilidades desta ferramenta para as actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais ou a promoción turística de elementos de interese cultural e rutas de sendeirismo.

PUBLICIDADE