Volve a revista Gender on Digital poñendo o foco na monetización da misoxinia na Rede

mércores, 9 de abril do 2025 S. P.

Presentación do primeiro número da revista nunha imaxe de arquivo

No marco das actividades da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, hai un ano vía a luz o primeiro número da revista Gender on Digital. Journal of Digital Feminism, unha publicación que ten como finalidade difundir coñecemento científico, crítico e feminista, sobre os riscos éticos da transformación tecnolóxica. Logo de algo máis de 12 meses, lánzase o seu segundo número, desta volta centrado na monetización da misoxinia no ecosistema virtual.
Detrás desta iniciativa está o Comité de Sabias da cátedra, un conxunto de expertas con presenza internacional, estatal e galega no ámbito dos estudos críticos das tecnoloxías. Ademais, a iniciativa conta coa colaboración da Universidade de Vigo, a través do Servizo de Publicacións da Vicerreitoría de Investigación e da Unidade de Igualdade.
Segundo explican, a publicación “xurde nun contexto de hiperconectividade grazas a unhas plataformas dixitais que, aínda que foron inicialmente concibidas para democratizar o diálogo, derivaron en ecosistemas marcados por contidos cheos de nesgos de xénero e sexismo”.
Así, este segundo volume da revista, titulado Estratexias de hackeo ao sistema dixital patriarcal, pretende “reflexionar sobre as resistencias ante unha internet máis ética e equitativa, que non monetice a “misoxinia” a través da dixitalización do sistema porno-prosticuicional e onde as mulleres, como a metade da humanidade, participen activamente no deseño deste ecosistema virtual, onde os movementos sociais e as comunidades marxinadas recuperen o seu protagonismo en favor dunha Internet ao servizo do ben común, da democracia e dos dereitos humanos”, como se detalla no prólogo.
O número inclúe traballos de investigación aplicada e de desenvolvemento teórico, análise sociopolítica, recensións bibliográficas de recente actualidade, notas técnicas e estudos de casos relevantes. Varios dos artigos recollen resultados do segundo workshop da cátedra Hackeando o patriarcado, no que se abordou a “alarmante desigualdade de xénero nos ámbitos laborais relacionados coa economía dixital, que coloca ás mulleres nun escenario moi precario de cara a un futuro no que a tecnoloxía terá cada vez maior peso sociopolítico e económico nas nosas sociedades”.
Tamén se inclúen resultados de varias investigacións desenvolvidas ao abeiro da cátedra, así como artigos doutras expertas. Por exemplo, o apartado Monografías conta coa da xornalista e pioneira no hacktivismo feminista Monserrat Boix, que aborda o papel do ciberfeminismo social e o hacktivismo feminista, nados hai dúas décadas para desafiar o patriarcado desde as TIC.
Na sección Investigación, inclúense un artigo de Teresa Piñeiro (UDC) e Xabier Martínez Rolán (UVigo) no que analizan as interaccións en Instagram entre estudantes universitarios dende unha perspectiva de xénero e elaboran unha descrición dos imaxinarios de xénero que se representan nas fotografías desta rede vencelladas aos espazos virtuais desenvolvidos pola mocidade galega. Na mesma sección tamén se publica un artigo da investigadora Andrea García Rodríguez en colaboración coa Asociación Faraxa, sobre o fenómeno do sugardating en España, no que conclúe que este fenómeno está a xerar un impacto significativo en mulleres novas e homes adultos, indicando que a dixitalización está a favorecer o crecemento e a expansión da industria da explotación sexual e do denominado “patriarcado dixital”.
A sección Miscelánea está conformada por tres artigos. O primeiro deles da investigadora uruguaia Ana Laura Surroca, sobre o caso #MeLoDijeronEnLaFmed, unha vaga de denuncias de violencia contra as mulleres que se viralizou en 2020 na Facultade de Medicina da Universidade da República de Uruguay. O segundo, elaborado pola comunicadora Cristina Asensi Rodríguez e o profesor Xabier Martínez Rolán, analiza campañas virais como o #MeToo, que permitiron poñer o foco en problemáticas como o acoso e a violencia de xénero, así como a súa capacidade para influír en axendas políticas e culturais. Un terceiro artigo, asinado por Carmen Mariño Martínez, completa esta sección, reflexionando sobre o aumento do consumo de pornografía coa chegada de Internet aos fogares e o seu impacto na poboación adolescente.