Volve con novidades a aceleradora Xerme Ecommerce, impulsada pola Xunta e o Clúster
venres, 28 de marzo do 2025
- Un intre da presentación da primeira convocatoria da aceleradora
A Xunta informou do lanzamento, este 28 de marzo, da segunda edición da aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce, co obxectivo de “seguir impulsando a posta en marcha e consolidación de negocios no comercio electrónico ao abeiro da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego”. A aceleradora, froito da colaboración entre a Consellería de Emprego e o Clúster do Ecommerce Galego, busca dar servizo tanto a novos proxectos no eido do comercio electrónico como a negocios existentes que aposten por acceder ás oportunidades de expansión que ofrece a comercialización dixital.
Como novidade, esta segunda edición inclúe dous niveis de formación. Un deles de iniciación para aquelas persoas emprendedoras que comezan de cero ou con coñecemento baixo en ecommerce outro avanzado para os que xa teñen un comercio electrónico e necesitan un impulso. Nela poderán participar ata 24 proxectos e as persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata o 4 de abril no espazo web do Clúster do Ecommerce Galego, onde tamén poden consultar as bases cos requisitos para a inscrición.
A través deste programa as persoas participantes reciben formación e mentoring sobre comercio electrónico, con obradoiros, titorización personalizada e sesións docentes por parte de expertos profesionais na materia para lanzar, xestionar, impulsar e rendibilizar os seus negocios en liña. Neste eido, amplíase o período de mentoring de 2 a 5 meses e o número de sesións en relación co ano pasado. Ademais, co obxectivo de axustarse ás necesidades de cada proxecto, adaptaranse os contidos aos grupos creados.
A primeira edición de Xerme Ecommerce tivo grande aceptación e permitiu achegar as ferramentas do ecommerce a unha vintena de proxectos, boa parte deles do comercio polo miúdo. Delas boa parte vendían en liña, mentres outras contaban con ambas opcións habilitadas pero con interese en potenciar a venda electrónica e algunha só tiña local físico.