Volve en setembro a factoría audiovisual veciñal de San Sadurniño: o Chanfaina Lab

venres, 6 de setembro do 2024 S. P.

Co remate do verán colle impulso a novena edición do Chanfaina lab, o encontro audiovisual e dixital que converte o concello de San Sadurniño nun “grande escenario cinematográfico” e unha factoría de contidos e formatos innovadores.
Este ano reuniranse do venres 6 ao domingo 8 preto de 40 creadoras e creadores, do territorio e doutros concellos, co reto de asumir o desafío de contar unha historia “sen sobrepasar os límites municipais”, informou o Concello, engadindo que a novena edición traerá novamente “experiencias compartidas, aprendizaxes e curtas deleitosas que se estrearán no mes de febreiro”, ademais doutras actividades paralelas que xa comezaron hai uns días cos obradoiros impartidos por Kevin Lorenzo e Domingo D. Docampo.
Este ano o Chanfaina lab está dedicado ao castelo de Naraío e á “súa importancia como enclave histórico fundamental para entender a revolución Irmandiña do século XV”. O artista gráfico Juanlu Nacha trasladou esta temática ao cartel replicando a estética do logotipo de Paramount Pictures, co que o cinema abraza visualmente un dos elementos máis destacados de San Sadurniño.
O programa da cita comeza este venres 6 de setembro xa ao mediodía coa recepción na Casa da Cultura das e dos participantes na edición deste ano, a quen en primeiro lugar se lles ofrecen unhas pequenas nocións sobre o territorio e un pequeno kit de axuda con teléfonos de contacto, o listado de persoas implicadas na organización e entidades que botan unha man, os aloxamentos e outra información que lles pode ser de utilidade durante os seguintes días de gravación.
Posteriormente, sobre as 12:30h, o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, daralles a benvida na Casa do Concello, xusto antes de que o grupo se achegue á finca da Cortiña para participar no xa tradicional acto de amadriñamento dunha das árbores autóctonas situadas á beira do Xubia.
Ao longo da tarde, logo da pausa para o xantar, as creadoras e creadores visitarán o castelo de Naraío e outros elementos destacados do medievo, nun pequeno percorrido guiado polo historiador e arqueólogo Eloi Saavedra. Será na fortaleza onde se faga a tamén tradicional foto de familia.
O mesmo venres, de volta en San Sadurniño, a Casa da Cultura acollerá a partir das 20:00h a Eira de Cineastas, un encontro de todas as realizadoras e realizadores participantes para presentárense e para mostraren fragmentos do seu traballo.
Sábado e domingo para as filmacións
Como nomes confirmados na presente edición contarase con Ángela Arnosa, Irene Ávila, Bieito Beceiro, Fran da Lobeira, Fon Cortizo, Fernando Cortizo, Xaime Fandiño, Kevin Lorenzo, lago Lourido, María Martelo, Carlos Martínez-Peñalver, Pablo Martínez, Anxo Pena, Cora Peña, Héctor Pousa, Xosé Antón Bocixa, Eva Lareo, Manuel Recouso, Isabel Rei, Álvaro Trigo, Abel Vega, Andrea Zapata, e os colectivos, A Rigueira, NaraíoMedia, Teño unha Horta e The Sungirls.
O Concello explicou que “todas e todos eles teñen por diante dous intensos días nos que deberán concibir unha historia, planificala, producila e gravala, aínda que nada lles quita de volver máis adiante se o precisan para completar o proceso”. Malia que este ano se lle dedica esta primeira parte do festival ao castelo de Naraío, o tema polo que poden tirar é “totalmente libre no concepto, na forma e no fondo”, engadiron fontes do Consistorio, explicando que “a única esixencia é que a filmación se faga dentro dos límites municipais e que se faga o posíbel porque o resultado final, que se verá en febreiro, non supere os 5 minutos”.
Alentaranse todo tipo de formatos e propostas. Mostra disto é a sección Clásicos Chanfaina lab (sábado, 20:00h, Casa da Cultura) na que se proxectarán, con entrada libre, oito curtametraxes de anteriores edicións que dun xeito ou doutro teñen como protagonista ao castelo de Naraío.
O domingo ás 20:00h, o cinema cederalle o espazo da Casa da Cultura ao teatro, aínda que cunha obra onde será difícil establecer unha fronteira clara entre ambas artes. Irmáns da Costa e o finado Lino Braxe asinan o texto de Sesión continua, interpretada polos bucaneros Pedro Picos e Xose Bonome acompañados de Sabela Hermida. A obra, cargada de humor, é unha homenaxe á sétima arte que percorre títulos tan coñecidos como 2001, Unha odisea no espazo; O resplandor, Pulp Fiction, Febre do sábado noite, Instinto básico ou Psicose.
A representación de Bucanero poralle o ramo a unha intensa fin de semana de filmacións e outras actividades, pero non ao Chanfaina lab. De feito, até o 30 de setembro pode visitarse no recibidor da Casa da Cultura a exposición fotográfica sobre as anteriores edicións do encontro audiovisual e, ademais, aínda falta por levarse a cabo un dos obradoiros formativos programados para este ano.
Será os días 9 e 16 de novembro de 10 a 13:00h, conducido polo realizador Juan Lesta, quen tratará en Despois da rodaxe, tesoira sobre as técnicas de montaxe posteriores á gravación. Este obradoiro, aberto a persoas con e sen experiencia, virá engadirse aos dous xa celebrados, un sobre interpretación conducido por Kevin Lorenzo e outro sobre planificación audiovisual dirixido por Domingo Díaz Docampo.
Quen queira participar no obradoiro de Lesta só ten que enviar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal ou chamar aos teléfono 616 016 793.
O Chanfaina lab está organizado polo Concello de San Sadurniño con apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña. Toda a actualidade do encontro pode seguirse a través das súas redes sociais.