Volve o Facom Fest, o festival de contidos audiovisuais organizado polo alumnado da USC

martes, 22 de outubro do 2024 S. P.

A mocidade galega, e máis concretamente a da Universidade de Santiago, volve pechar fileiras arredor dos novos contidos e das novas canles. Fano cunha nova edición, a terceira, do certame Facom Fest, posto en marcha polo alumnado de 4º do grao de Comunicación Audiovisual da USC que, xunto co apoio da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, busca “achegar á cidade un espazo de encontro no que integrantes da comunidade estudantil poidan dar a coñecer as súas obras e, deste xeito, resaltar o traballo e o talento da xuventude galega en materia audiovisual”.
Segundo informou o equipo da organización, o prazo de inscrición comezou o pasado venres 18 e continuará aberto ata o martes 5 de novembro, vinte días antes da xornada inaugural do festival.
Engadiron que “un ano máis, a participación no Facom Fest contempla ao alumnado matriculado en calquera universidade ou centro de formación galego, con independencia dos estudos que estea a realizar”. As obras poderán presentarse a unha das dúas seccións que conforman o Facom Fest: a competitiva, con tres categorías (Ficción, Non Ficción e Videoclips) nas que a vitoria vai acompañada dunha compensación económica; e a non competitiva, destinada unicamente á exhibición das obras. Toda aquela persoa que estea interesada en participar debe inscribir a súa obra a través dun formulario.
As obras adscritas á modalidade competitiva serán valoradas por un xurado integrado por estudantes e profesionais do sector. Sara Faro e Álvaro Gago son algúns dos nomes que estiveron valorando as pezas presentadas a competición nas anteriores edicións.
Ademais das proxeccións, o festival contará tamén con actividades formativas como xa aconteceu nas entregas pasadas. Tendo como exemplo os encontros organizados con Belén Puime (directora da webserie Pringadas e reporteira da TVG) ou Adrián Canoura (creador que traballa formatos tan diversos como o vídeo-clip, da man de artistas como Baiuca, ou o cine experimental, con pezas como Da morte nace a vida). Sen esquecer a presencia de eventos musicais, como foron os concertos de Futuro Alcalde ou Migui Bouzó en 2022 e 2023 respectivamente.