Volve o Foro Tecnolóxico da UVigo con 54 empresas participantes

xoves, 19 de febreiro do 2026 S. P.

Comezou a conta atrás para a 26ª edición do Foro Tecnolóxico de Emprego da UVigo, que se desenvolverá nas escolas de enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación os vindeiros 24 e 25 de febreiro, coa participación de 54 empresas, tres máis que o ano pasado. Trátase dun foro organizado por case unha vintena de estudantes de grao e mestrado das delegacións das escolas de enxeñaría do campus de Vigo.
A 26ª edición do Foro manterá “a estrutura de éxito de anos anteriores, consolidando actividades”, explica a estudante (e co-organizadora do evento) Andrea Vicente, salientando propostas coma os obradoiros de temática técnica e de orientación laboral; unha mesa redonda con responsables de recursos humanos de diferentes compañías, titulada este ano Expectativas versus Realidade: O novo escenario para o enxeñeiro júnior; talleres de speed recruiting, onde o alumnado pode practicar entrevistas reais; e obradoiros nos que o alumnado poderá gozar de charlas e actividades centradas nas competencias transversais do seu currículo, como oratoria ou comunicación.
En canto aos postos que as empresas despregarán nas escolas de enxeñaría industrial e na de Minas e Enerxía e onde poderán recoller currículos ou ofrecer bolsas ou proxectos ao alumnado, nesta edición foi posible incrementar o seu número “grazas a que modificados e optimizamos o plano do recinto para ampliar o número de postos avanzados, que son os máis demandados polas firmas”, aclara a coordinadora de mercadotecnia dixital e web do foro.
Nacido hai 26 anos na UVigo como unha iniciativa organizada polo alumnado para o alumnado co obxectivo de conectar o talento universitario coas empresas do sector tecnolóxico e industrial, “o Foro Tecnolóxico de Emprego consolidouse como un dos máis relevantes de España e o maior deste tipo organizado integramente polo estudantado”, engaden dende a organización.
Ademais do apoio da UVigo, o Foro Tecnolóxico conta co de colexios oficiais e diversas institucións públicas e privadas.
Na listaxe de empresas participantes deste ano atópanse as tecnolóxicas Accenture, Alén Space, Appus, ASM, Balidea, Borgwarner, Campus Dual TIC, CATEC, CEAGA, CENTUM, COREN, Cortizo, DataSpartan, Deloitte, DHV, Dinak EcoForest, EGATEL, EY, Faramax Trafo, FEUGA, FINSA, GB TEC, GMV, GOC, Gradiant, Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Imatia, Improven, Inasus, Indra, INECO, Inprosec, JEALSA, KPMG, MSIO, Marine Instruments, MetalDeza, Navantia, Norvento Enerxía, NTT Data, OESIA, Optare Solutions, Profand, PWC, SDG, Serveo, Sixtema, STAC, Syspro, Technica Engineering, Televés de LifeTec.