Volve o programa de inmersión lingüística presencial e dixital: 21 días co galego e+

venres, 31 de xaneiro do 2025 S. P.

O programa de dinamización e inmersión lingüística impulsado pola Secretaría Xeral da Lingua a partir da experiencia exitosa da profesora Pilar Ponte do IES da Pobra, 21 días co galego e +, arrincou este venres 31 de xaneiro a súa sétima edición que ofrecerá obradoiros de regueifas, contacontos e actuacións musicais nos centros que participan. Así o avanzaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús M. Álvarez Bértolo, que destacaron “a importancia de impulsar propostas de lecer que animen á cativada a empregar o galego en diversas actividades dentro e fóra da escola”.
Segundo explicaron, nesta nova edición participarán unha decena de centros de Educación Infantil e Primaria das catro provincias, que, sumando alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos, inclúen un total de 3.990 persoas.
O programa de dinamización, no que ademais da Secretaría da Lingua (Consellería de Cultura e Lingua) tamén colabora a Consellería de Educación e Ciencia, desenvolverase desde o 31 de xaneiro ata o 21 de febreiro, coincidindo o seu último día coa celebración do Día da Lingua Materna.
No acto de apertura, que acolleu o colexio Francisco Vales Villamarín de Betanzos, tamén participaron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, así como representantes institucionais e o profesorado e alumnado do centro.
Ademais, os restantes nove centros adscritos ás actividades realizaron cadanseu acto de apertura.
Baixo o lema Medrando en galego, elixido por segundo ano consecutivo, o alumnado dos colexios que toman parte no programa intensificarán a súa expresión en galego durante os 21 días que duran as actividades. Para potenciar o uso da lingua e como novidade nesta edición, os centros educativos contarán co obradoiro de regueifa impartido por Lupe Blanco, un contacontos a cargo de Celso Sanmartín e o espectáculo musical A voar de César Freirías Prado e a Cé Orquestra Pantasma.
De todas estas propostas quedará constancia nas redes sociais do programa e no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa, onde se mostrarán as creacións e onde tamén se publicará durante tres fins de semana contido lúdico para que as familias continúen o labor iniciado nos centros.
Ademais, 21 días co galego e + manterá a colaboración co programa Galicia por diante, da Radio Galega, onde terá unha sección diaria de luns a xoves, e co programa Dígocho eu!, da CRTVG, que terá encontros co alumnado dos 10 centros educativos.
O broche de ouro da edición porao de novo o III Encontro 21 días co galego e +, que reunirá o 25 de febreiro ao alumnado e profesorado de todos os centros participantes no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela para compartir, nunha sesión lúdica, as súas experiencias.
Centros voluntarios participantes
Neste curso 2024/25 o programa desenvolverase nos colexios Francisco Vales Villamarín (Betanzos), Emilio González López (Cambre) e o Plurilingüe La Grande Obra de Atocha (A Coruña), na provincia da Coruña; no Albeiros e no Illa Verde en Lugo; no Julio Gurriarán (O Barco de Valdeorras) e o Manuel Respino (A Rúa), na provincia de Ourense, e no Plurilingüe do Carballal (Marín), Plurilingüe de Sequelo (Marín) e no Manuel Cordo Boullosa (Ponte Caldelas), da provincia de Pontevedra.
Esta iniciativa de dinamización lingüística naceu para estimular o uso do galego no alumnado e perfeccionalo dentro e fóra das aulas. Ten a súa orixe nunha experiencia que se puxo en marcha desde 2013 no Instituto da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística, en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega e no 2019 o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Desde o ano 2019 foi asumido pola Secretaría Xeral da Lingua e a el adhírense os centros educativos de xeito voluntario.