Volve un dos mandos máis icónicos da informática clásica

mércores, 17 de decembro do 2025 Redacción

Retro Games anunciou o lanzamento de TheQuickShot II, unha reinterpretación moderna dun dos joysticks máis emblemáticos da era dos microordenadores domésticos dos anos 80. O novo mando, desenvolvido en colaboración con Plaion Replai, chegará ao mercado o 30 de xaneiro de 2026 e xa pode reservarse a través de distribuidores especializados (nos que figura a prezos de entre 30 e 35 euros).
TheQuickShot II recupera a silueta inconfundible, o tacto e a actitude arcade do Quickshot II orixinal, incorporando ao tempo melloras propias do hardware actual. Trátase dun mando con conexión USB e funcionamento plug and play, pensado para levar a experiencia do xogo retro a plataformas contemporáneas sen renunciar á esencia dun dos periféricos máis lembrados da historia do videoxogo doméstico.
Durante os anos 80 e comezos dos 90, o Quickshot II converteuse no mando de referencia para millóns de xogadores. O seu deseño tipo flight stick e o característico gatillo vermello fixérono omnipresente en sistemas como o Commodore 64, estendéndose este éxito tamén ao ZX Spectrum, onde foi adoptado como unha alternativa máis robusta e precisa aos mandos básicos da época, así como a outras plataformas clave como o Amstrad CPC, o Atari ST e o Commodore Amiga. Neste último, a crecente complexidade e esixencia dos xogos fixeron do Quickshot II un accesorio habitual nos escritorios dos xogadores, reforzando o seu status icónico.
A nova versión mantén o espírito do modelo orixinal e engade características actuais como oito botóns de acción e función (dous de disparo e seis adicionais), un sistema de movemento circular de oito direccións mediante articulación flotante, construción íntegra con microinterruptores para maior precisión, interruptor de disparo automático, empuñadura ergonómica para sesións prolongadas, ventosas de estabilización para uso con unha soa man e un cable USB-A de 1,8 metros. Ademais, é compatible con todas as máquinas de Retro Games Ltd. e coa maioría dos sistemas informáticos e plataformas de xogo retro baseadas en USB.