Volven as Xornadas de Tecnoloxía de APETEGA, desta volta en Compostela

xoves, 15 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Os vindeiros 13 e 14 de abril celebraranse no IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela a nova edición, a número 17, das Xornadas de Tecnoloxía da Asociación de Profesorado de Tecnoloxía de Galicia, APETEGA. Trátase, para quen non o saiba, dun acontecemento divulgativo e formativo encamiñado a achandar no ámbito docente o camiño da investigación tecnolóxica e científica. A metodoloxía empregada, basicamente, é formar a formadores e alumnado e intercambiar recursos e capacidades. O obxectivo, en última instancia, é estimular o noso talento.
Haberá 120 prazas, habilitadas sobre todo para o profesorado de Secundaria e Bacharelato, homologadas pola Consellería de Educación como actividade de formación do profesorado por un total de 12 horas. A inscrición pódese facer na páxina da APETEGA.
Respecto do programa de actividades, estas comezan o día 13 cunha visita ao CiTIUS, no Campus Sur da USC, centro referencial a nivel galego e estatal en materia de novas tecnoloxías de comunicación. Pola tarde, logo do xantar, celebrarase o acto inaugural, unha charla sobre satélites e un coloquio sobre escenas de cinema e debates tecnolóxicos. Ao día seguinte, o programa arranca cunha charla-coloquio sobre unidades didácticas de tecnoloxías e prosegue con comunicacións didácticas e exposición de proxectos. Logo, ao mediodía, será a quenda dos primeiros obradoiros, que proseguirán pola tarde, logo do xantar.
Por temáticas, os obradoiros porán o foco nas seguintes cuestións: deseño en 3D, téxtiles intelixentes, galgas extensiométricas con Arduino, realidade aumentada, drons, robótica e aproveitamento e reciclaxe de material tecnolóxico. Ademais, introducirase aos participantes na iniciativa AppInventor, unha contorna de desenvolvemento de software creado por Google Labs para a elaboración de aplicacións dirixidas ao sistema operativo Android, lanzado por Google.

PUBLICIDADE