Volven os podcasts de Aquí faltan páxinas cunha charla sobre Ángeles Alvariño
luns, 11 de setembro do 2023
Volven
as charlas-podcast do programa de divulgación Aquí
faltan páxinas, co que a Deputación de Pontevedra
reivindica as importantes contribucións científicas, culturais e
innovadoras das nosas mulleres. As
actividades regresan este mércores 13 cunha xornada sobre a
traxectoria da científica Ángeles Alvariño. Será impartida
pola filla da oceanógrafa e pioneira da investigación mariña,
Ángeles Leira, a partir das 19:00 horas. Ese día tamén estará
dispoñíbeis un podcast e un roteiro.
Relatos
sonoros
A
oceanógrafa e pioneira na investigación mariña Ángeles Alvariño
protagoniza neste mes de setembro o programa da Deputación de
Pontevedra Aquí faltan páxinas. Este ciclo de relatos
sonoros e conferencias nace da colaboración da institución
provincial coa firma O Cable Inglés para dar a coñecer a
traxectoria de mulleres galegas extraordinarias moi relacionadas coa
provincia. Este mércores 13 de setembro a sala Rosalía de Castro da
sede da Deputación en Vigo acollerá a partir das 19:00 horas un
faladoiro sobre a traxectoria da científica que impartirá a súa
filla, Ángeles Leira.
Ángeles
Alvariño
Segundo
explican dende O Cable Inglés e a Deputación de Pontevedra, Ángeles
Alvariño adoita ser recordada como a primeira muller investigadora
que se embarcou nun buque oceanográfico, pero a súa traxectoria foi
máis alá e está recoñecida como unha das maiores especialistas do
mundo no seu campo e no seu tempo. Así, descubriu 22 novas especies
mariñas e revelou como a presenza de distintas formas de zooplancto
na auga podía servir de indicador do estado de saúde dos mares e
caladoiros de pesca. Aínda que na España do pasado século as
mulleres científicas eran case unha anomalía, a ferrolá logrou
facerse un oco e destacar nese eido de coñecemento.
O
faladoiro estará a cargo da súa filla, a arquitecta e urbanista
Ángeles Leira. Ela foi a segunda muller en matricularse na Escola de
Enxeñería de San Diego State College e titulouse máis tarde en
Arquitectura en Berkeley. Desempeñou a súa traxectoria na cidade de
San Diego, onde traballou na planificación de comunidades e chegou a
ser vicepresidenta do Colexio de Urbanistas e supervisora dos planos
reguladores das 27 comunidades de San Diego.
Ademais
da conferencia, a historia de Ángeles Alvariño estará tamén
dispoñíbel a partir deste mércores no podcast de Aquí faltan
páxinas (nas principais plataformas de streaming e no
sitio web da institución provincial) e nun roteiro virtual que
inclúe os lugares da provincia claves na biografía da protagonista.
Entre eles, o Instituto Oceanográfico de Vigo (no que traballou),
así como o porto e a ría de Vigo ou os Asteleiros Armón.
O
proxecto Aquí faltan páxinas inclúe unha antoloxía de 12
podcasts, un por cada mes de 2023, para pór en valor os logros de
María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo,
Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina
Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía
Novoa.