VozTelecom abre punto de servizo en Carballo
martes, 12 de decembro do 2017
VozTelecom,
operador de comunicacións para empresas e de servizos na nube, vén
de dar un novo paso no seu proceso de espallamento na nosa terra coa
apertura do que sería o seu primeiro punto de servizo en Galicia,
ou sexa, unha nova oficina comercial especializada en asesoramento,
venda e apoio post-venda arredor dos seus servizos de comunicacións
para empresas. O
punto de servizo galego está emprazado no 22 da rúa Tarragona de
Carballo, dende o que se quere crear un centro de operacións e
actividade para dar cobertura ao puxante tecido empresarial da
provincia, e máis en detalle ao seu tecido de PEME (máis de 12.000
empresas con entre 3 e 99 empregados).
A
apertura destas dependencias, en palabras de Stéphane Quinnez,
director comercial de VozTelecom, responde ao obxectivo de ofrecer ás
PEME da nosa terra “unha atención máis próxima, personalizada e
adaptada ás súas necesidades reais”. Por certo que o xerente do
punto de servizo é Diego Iglesias, profesional cunha longa
experiencia no sector de servizos TIC para empresas e que dirixe á
súa vez a compañía DonClic Solucións Tecnolóxicas, firma que
este 2017 cumpre 10 anos. O novo centro de operacións de VozTelecom
conta con zona de tenda, taller e oficinas comerciais, onde ofrece os
servizos de central virtual, telefonía fixa e móbil, acceso a
Internet de alta velocidade, videoconferencia, copias de seguridade e
almacenamento, ademais das aplicacións profesionais GSuite de
Google.