WD amosa o prototipo de disco duro híbrido de 4TB “máis rápido do mundo”
luns, 12 de xaneiro do 2015
A compañía Western
Digital vén de informar dun novo récord de seu en materia de
desenvolvemento tecnolóxico propio. Máis polo miúdo, o novo tope
de prestacións veu acadado polo seu último prototipo de disco duro
híbrido de 4 TB, que segundo informa a empresa tecnolóxica acadou
unha puntuación de referencia próxima aos discos SSD, que é
como se coñece ás unidades de estado sólido (SSD é o acrónimo en
inglés de Solid-State Drive) e son dispositivos con moito
menor tempo de latencia e de acceso que os discos duros tradicionais.
Volvendo ao híbrido que
presenta Western Digital, dicir que presenta 3,5 polgadas e até 128
GB de almacenamento no disco sólido, empregando unha interface SATA
Express PCI-e. En palabras de WD, é o prototipo de disco duro
híbrido de 4 TB máis rápido do mundo.
O dispositivo, sinala a
compañía, foi probado xunto a socios e usuarios de primeiro nivel
de WD, como Gigabyte ou ASRock, “para ofrecer a máxima potencia
para equipos de sobremesa e aplicacións de xogo, ao mellor custo por
GB”. O prototipo, que amosa “un rendemento líder tanto en
puntuacións de referencia como en experiencia de xogo”, deuse a
coñecer na feira CES, onde segundo lembra WD, amosou moi bo
rendemento en contornas que requiren un uso de escritorio pesado, “ao
permitir que os datos se conserven quentes, algo clave cando
se trata de múltiples aplicacións e que mellora o rendemento
xeral”. Nos laboratorios de WD, o disco duro SATA Express de 4 TB
con 64 GB de caché logrou unha puntuación de referencia
PCMark8 de 4459, “o que demostra un rendemento próximo ao SSD cun
valor optimizado de GB por dólar”.