Wacom combina touchpad e táboa dixitalizadora nos novos Bamboo Pad

mércores, 11 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Para conseguir unha interacción máis natural co noso equipo informático, Wacom propón o uso dos seus novos Bamboo Pad, accesorios que combinan nun único dispositivo un touchpad que pode lembrarnos ao Magic Trackpad de Apple e unha reducida táboa na que poder empregar un lapis dixitalizador, o que facilita a toma de notas rápidas ou a realización de esquemas rápidos.

O Bamboo Pad véndese en varias cores

O Bamboo Pad está dispoñible en dous modelos segundo o seu tipo de conectividade, de xeito que a versión con USB véndese a 49,90 euros, mentres que o modelo sen fíos está á venda por 69,90 euros. O accesorio é compatible con Windows 7, Windows 8 e OS X 10.7 (ou superior), podendo empregarse tanto para comunicar visualmente facendo uso do lapis dixitalizador (de só 5 gramos de peso) como controlar cos dedos o noso equipo mediante xestos táctiles que permite rotar, desprazarse e facer zoom.
No caso do Bamboo Pad sen fíos falamos dun dispositivo de 141,4 x 166,5 x 15,7 milímetros, 150 gramos de peso que funciona con 2 pilas AAA que achegaríanlle unha autonomía dunhas 4 semanas (para un uso dunhas 2 horas diarias).


Vídeo de presentación dos novos Bamboo Pad