Wacom lanza unha nova familia de táboas dixitalizadoras profesionais

xoves, 1 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Wacom presentou hoxe a nova xeración de táboas dixitalizadoras para fotógrafos profesionais, deseñadores e artistas, Intuos5, que incorporan tamén o soporte de xestos multitáctiles dando lugar a interaccións co ordenador moi intuitivas, facilitando uns fluxos de traballo eficientes e cómodos. O deseño das táboas Intuos 5 é ergonómico, ambidextro e delgado, cun acabado en negro mate e unha fabricación resistente que chega en 3 tamaños distintos para adaptarse a distintas necesidades.
As novas táboas dixitalizadoras de Wacom parten da Intuos5 Touch S, cunha área táctil de 157 x 98 milímetros, que está á venda por 224,90 euros. O modelo medio, a Intuos5 Touch M, ten unha zona de uso de 224 x 140 milímetros e véndese en dúas versións, unha básica (sen funcións multi-táctiles) por 299,90 euros e outra estándar por 369,90 euros.

As táboas dixitalizadoras de Wacom nos seus modelos estándar poden empregarse tanto cun lapis como a través de xestos táctiles

Os usuarios máis esixentes poderán adquirir por 469,90 euros a Intuos5 Touch L, que conta cunha ampla zona táctil de 325 x 203 milímetros. Compre destacar que os tamaños das táboas dixitalizadoras tamén afecta considerablemente á súa mobilidade, pois o modelo máis cativo só pesa 660 gramos, pero os 1.800 gramos e a dimensións totais de 487,1 x 317,7 x 12 milímetros do Intuos5 Touch L converteríano nun produto incómodo de transportar.
Estes dispositivos funcionan en ordenadores con Windows 7 SP1, Windows Vista SP2, Windows XP SP3, Mac OS X 10.5.8 ou superior cun porto USB libre para conectar o pertinente receptor sen fíos, permiten a configuración de ata 8 ExpressKeys, contan cun anel táctil con funcións programables e o seu lapis detecta 2.048 niveis de presión e inclinación para reproducir fielmente a sensación de usar un lapis sobre un papel.


Vídeo de presentación das Wacom Intuos5 Touch

PUBLICIDADE