Wacom presenta as súas novas tabletas profesionais con Windows 10

mércores, 5 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Wacom presentou hoxe a súa nova liña de equipos portátiles que integran a súa tecnoloxía de debuxo, os Wacom MobileStudio Pro, equipos para usuarios profesionais que queiran crear en mobilidade cunha potencial que normalmente só podía conseguirse en equipos de escritorio, e que chegan con pantallas de 13,3 e 15,6 polgadas e resolucións de até 4K, conseguindo un grande rendemento grazas a integrar gráficas nVIDIA Quadro.
Estamos ante equipos que funcionan con Windows 10, o que permítelles empregar aplicacións consideradas un estándar na industria como o Photoshop e o Illustrator, así como aplicacións de creación en 3D, de xeito que non estarían tan limitados como o Apple Pro, facendo portátiles os fluxos de traballo propios do escritorio.
Wacom MobileStudio Pro sería o primeiro produto de Wacom en incluír o novo Pro Pen 2, un lapis dixitalizador de grande precisión, que consegue a sensación de funcionar sen retardos, e que está optimizado tanto para realizar ilustracións 2D como deseños 3D. Precisamente no que se refire ao 3D haberá modelos destes equipos que integren cámaras Intel 3-D RealSense coas que poder empregar aplicacións como ZBrush ou Fusion 360 para converter obxectos reais en modelos tridimensionais cos que traballar no ordenador.
O Wacom MobileStudio Pro parte de equipos con pantalla IPS WQHD de 13,3 polgadas con procesadores Intel Core i5/i7, 4/8 GB de RAM, gráficas Intel Iris ou nVIDIA Quadro e unidades SSD de entre 64 e 512 GB de capacidade a prezos de entre 1.499 e 2.499 dólares; mentres que os modelos con pantalla IPS 4K de 15,6 polgadas serían dous: un cun procesador Intel Core i5, 8 GB de RAM, 256 GB de SSD, gráfica nVIDIA Quadro (con 2 GB de memoria) que custaría 2.399 dólares, e outro cun procesador Intel Core i7, 16 GB de RAM, 512 GB de SSD e gráfica nVIDIA Quadro (con 4 GB de memoria) que venderase por 2.999 dólares. Os equipos con 512 GB de SSD serían os que integrasen a mencionada cámara RealSense, e espérase que estes equipos cheguen ao mercado o mes que vén.

PUBLICIDADE