Wallapop intermediará nos pagamentos para incrementar a seguridade e recibir maiores ingresos

xoves, 27 de abril do 2017 Marcus Fernández

En España a aplicación móbil de Wallapop conseguiu unha grande penetración como solución para a compra-venda de produtos de segunda man, pero o servizo non está a xerar ingresos dabondo, e para solucionar este problema parece que van optar por intermediar nos pagamentos entre particulares a través dun novo servizo: Wallapay.
Esta nova solución aínda non se anunciou oficialmente, pero en función das capturas de pantalla que circulan pola Rede podemos entender que trátase dunha alternativa a PayPal, que permite que os usuarios poidan pagar coa súa tarxeta bancaria a través da Internet, mentres que os vendedores de produtos poderán incorporar ao sistema o seu número de conta bancaria para recibir os cartos das súas vendas en 24/48 horas, mecanismo que busca seguridade tanto na entrega dos cartos como nas condicións da transacción (evitando os regateos de última hora).
Este servizo tería gastos de xestión, que serían de 0,99 euros para vendas de até 40 euros, de 1,99 euros para pagamentos de até 80 euros, 2,99 euros para un máximo de 200 euros, 4,99 euros para cantidades que non superen os 400 euros e 6,99 euros para operacións de até 500 euros (que parece que será o límite do servizo).
Wallapay estaría a estrearse na versión da app de Wallapop para iOS, e descoñécese o que tardará en integrarse na versión para Android.

PUBLICIDADE