Warner Bros. Discovery demanda a Midjourney por infracción masiva de dereitos de autor

venres, 5 de setembro do 2025 Marcus Fernández

Warner Bros. Discovery presentou esta semana unha demanda federal contra Midjourney no Tribunal do Distrito Central de California, acusando a compañía de intelixencia artificial de reproducir e distribuír sen autorización algúns dos personaxes máis icónicos do estudio. A denuncia, asinada tamén por DC Comics, Turner Entertainment, Hanna-Barbera e Cartoon Network, sostén que a plataforma de xeración de imaxes e vídeos baseados en IA constrúe o seu negocio sobre a «apropiación ilegal» de obras protexidas.
Entre os exemplos citados figuran Superman, Batman, Wonder Woman, Bugs Bunny, Tweety, Scooby-Doo, Tom e Jerry, Rick e Morty e as Supernenas. Segundo os demandantes, Midjourney non só permite aos usuarios crear imaxes e vídeos destes personaxes mediante simples instrucións, senón que tamén os emprega para promocionar os seus servizos a través da súa web, do repositorio Explore e mesmo de Midjourney TV, unha canle en streaming lanzada no verán de 2025.
Os avogados de Warner Bros. Discovery aseguran que Midjourney podería implementar medidas técnicas para evitar a xeración de contidos infractores, mais decidiu non facelo para maximizar beneficios. «Midjourney pensa que está por riba da lei. Vende un servizo comercial desenvolvido con copias ilegais das obras con copyright de Warner Bros. Discovery e dispón delas coma se fosen propias», recóllese na demanda.
A compañía de IA, que superou os 300 millóns de dólares en ingresos en 2024 e conta con máis de 20 millóns de usuarios, xa fora obxecto de críticas por parte de investigadores e artistas que advertiron da facilidade coa que reproduce escenas completas de filmes como The Dark Knight ou Batman v Superman. En anteriores litixios, Midjourney defendeuse argumentando que o adestramento con material con copyright constitúe un caso do concepto de fair use e que os estudios deberían recorrer ao procedemento de retirada establecido pola DMCA.
Con esta acción legal, Warner Bros. Discovery únese a Disney e NBCUniversal, que no verán iniciaron demandas similares contra Midjourney. A través da Motion Picture Association, os grandes estudios de Hollywood insisten en que a lexislación vixente é suficiente para perseguir estas prácticas, aínda que no Congreso dos Estados Unidos algúns lexisladores impulsaron propostas para obrigar ás compañías de IA a obter licenzas previas para empregar obras protexidas no adestramento de modelos.