We Happy Few chega a Xbox One nunha versión preliminar

martes, 26 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Unha das novidades máis interesantes no sector dos videoxogos dos últimos anos é a posibilidade de mercar videoxogos cando aínda están en desenvolvemento, o chamado acceso anticipado, que tanto permite que os máis impacientes poidan gozar dun xogo que lles interesa con moita antelación como tamén facilita a súa participación no seu desenvolvemento (achegando feedback), e aínda que fórmula de comercialización a medio camiño entre as versións de proba e o crowdfunding estaba limitada a plataformas como Steam, tamén pode gozarse en Xbox One, tendo como grande expoñente de publicación dunha versión preliminar o prometedor We Happy Few de Compulsion Games, que foi un dos xogos destacados por Microsoft durante a feira E3 como título independente de referencia, que xa podemos probar de balde ou mercar por 29,99 euros.
We Hapy Few sitúanos nunha Inglaterra distópica dos anos 60 na que atoparemos unha cidade chamada Wellington Wells na que a sociedade vive feliz consumindo antidepresivos (as pílulas Joy), situación ante a que quere fuxir un grupo de valentes e algo terroríficos personaxes que terán que enfrontarse ao resto de habitantes. Estamos ante un xogo xerado procedimentalmente de xeito que cada partida será única, con tres modos de xogo diferentes e unha experiencia en primeira persoa con vídeos de calidade e dobraxe cinematográfica que animarán esta aventura de supervivencia na que hai que adaptarse para poder evitar ser descuberto antes de poder fuxir dese terrorírico contorno opresor.
O xogo non só vén de estrearse en Xbox One, senón que tamén conta cunha versión para PC accesible a través de Steam, GOG e a Humble Store, sendo estas versións un par de euros máis baratas que a de Xbox One. Aínda que esta fórmula de comercialización carece de garantías (o xogo podería non chegar a completarse nunca, como acontece cos proxectos de crowdfunding) nesta ocasión parece que o título vai polo bo camiño, e dará lugar a un xogo magnífico que non podemos evitar comentar que semella unha fusión estética entre a franquía de Bioshock e o xogo galego Zombeer.

Tráiler do xogo

PUBLICIDADE