WeChat supera os mil millóns de usuarios rexistrados

luns, 5 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Hai pouco máis dun mes constatouse que WhatsApp tiña 1.500 millóns de usuarios activos ao mes, mentres que o Messenger de Facebook chegaban aos 1.300 millóns de usuarios, volume de uso que podería parecer inalcanzable para os seus competidores, pero que non debería levar á empresa de Mark Zuckerberg a confiarse, xa que a plataforma chinesa WeChat, que incluso serve para realizar pagamentos, superou os 1.000 millóns de usuarios segundo o Financial Times.
Cómpre salientar que estamos ante un dato de número de contas, e non de usuarios individuais, polo que a comparación directa non sería posible, pero resulta moi interesante ver como WeChat é quen de manter un crecemento anual do 15,8% en número de usuarios e un nivel de uso realmente elevado (fálase de 902 millóns de usuarios diarios e 38.000 millóns de mensaxes ao día), aínda que probablemente o máis interesante de WeChat é que hai tempo que transcendeu a mensaxería instantánea e funciona como unha plataforma moito máis ampla e práctica, de xeito que até pretende converterse nunha especie de DNIe dos chineses.
De feito, actualmente WeChat pode empregarse para xogar, pagar facturas, atopar locais, pedir cita no médico, chamar a un taxi ou acceder a servizos bancarios, converténdose nunha peza chave no día a día de moitos cidadáns que teñen o móbil como a porta de acceso aos servizos dixitais.

PUBLICIDADE