WeTransfer limita o número de envíos ao mes

mércores, 18 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Moitos son os servizos que incrementan o seu prezo coa chegada dun novo ano, pero no caso de WeTransfer, unha das solucións máis populares para o envío de ficheiros de grande tamaño, os cambios que preparan afectan principalmente ás limitacións que poñen aos usuarios que non pagan nada en absoluto, para os que hai unha nova boa e outra mala: a boa é que incrementarán o límite dos ficheiros a enviar de 2 a 3 GB, pero, por desgraza, limítase o número de envíos a 10 ao mes (ou a 3 GB de ficheiros).
Se ben para usuarios ocasionais isto non suporá ningún problema, afectará aos usuarios habituais, que deberán buscar alternativas ou contratar algún dos plans de pagamento, con prezos que agora resultan máis flexibles, xa que preparan un plan básico que incrementa o límite de envíos ao mes a 300 GB por 7/8 euros/mes (mantendo o tope de 10 envíos/mes). Os usuarios que precisen envíos frecuentes deberán contratar o plan Ultimate, que ten un prezo de 19/23 euros/mes. Os plans varían de prezo en función do seu período de facturación (anual/mensual).