Weplan advirte que os españois malgastan 263 euros ao ano na súa factura de teléfono
martes, 15 de xullo do 2014
Os responsábeis de
Weplan, a aplicación móbil de
aforro telefónico, veñen de de facer un estudo sobre o que se
malgasta no ámbito estatal en materia de tarifas pouco axeitadas
para cada cidadán e para súas necesidades específicas. Segundo se
amosa a través da investigación, os españois tirarían ao lixo 263
euros ao ano na súa factura de teléfono. Pola contra, de
contrataren a factura que mellor lles acae, engade Weplan, a taxa
media de aforro roldaría os 250 euros, “unha cifra nada
desprezábel nos tempos que corren”, explica a compañía. O estudo
en cuestión dirixíase a demostrar que no mercado estatal da
telefonía aínda hai moitos usuarios que non saben cal é a tarifa
que máis lle convén, e semella que finalmente conseguiu o seu
obxectivo.
Para Weplan “non
existen tarifas caras ou baratas, se non que existen diferentes
patróns de consumo e, por tanto, diferentes necesidades para cada
usuario”. O estudo en cuestión partía da seguinte pregunta: Como
é que se tiran tantos cartos en tempos de crise? De primeiras, a
base do problema semella estar en que moitos usuarios rematan por
atarse ás compañías por medio da permanencia, o cal non lles
permite trocar de operador se finalmente dan con outro que se adapte
mellor ás súas necesidades. “Unha vez superado este período”,
engádese, “moitos déixanse engaiolar pola enorme cantidade de
ofertas de terminais e de tarifas que hai no mercado, a maioría das
veces sen chegar a ler a letra pequena”.