Western Digital presenta unidades SSD con velocidades de lectura de até 7.000 MB/s

venres, 9 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Hai un par de semana Samsung presentaba a súas unidades SSD 980 Pro con velocidades de lectura de 7.000 MB/s grazas ao uso do bus PCIe 4.0 , pero o fabricante surcoreano no vai estar só no mercado neste segmento de produtos que tanto éxito teñen entre os xogadores máis esixentes, xa que Western Digital vén de presentar as súas unidades SSD NVMe WD_BLACK SN850, que chegan en capacidades de 500 GB, 1 TB e 2TB en versións sen disipador de calor a un prezo de 151,99, 266,99 e 525,99 euros respectivamente (haberá versións con disipador de calor incluído, pensando en equipos sobremesa, pero aínda non desvelaron os seus prezos).
Estas unidades SSD de Western Digital aproveitan a última xeración de PCIe para conseguir velocidades de lectura de até 7.000 MB/s e de escritura de até 5.300 MB/s, e chegan nun formato M.2 2280 compacto e lixeiro, prevéndose a súa chegada ao mercado en 2 ou 3 semanas.
Este tipo de unidades atenden ás tendencias do mercado, que coa chegada das consolas de nova xeración está a centrar a atención na velocidade das unidades de almacenamento para conseguir reducir á mínima expresión os tempos de carga e conseguir así unha experiencia de xogo moito máis satisfactoria.

As novas unidades de Western Digital poderán adquirirse con disipador

Vídeo promocional da unidade SSD NVMe WD_BLACK SN850 de Western Digital

PUBLICIDADE