WhatsApp Business chega a España e funciona con números de teléfono fixo

mércores, 24 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

A semana pasada anunciouse a estrea da aplicación WhatsApp Business (WhatsApp para Negocios) que botou a andar en Indonesia, Italia, México, Reino Unido e EE.UU., para espallarse logo internacionalmente durante semanas, pero no caso español non se fixeron esperar moito, e xa está dispoñible a través de Google Play, facilitando así que as PEME poidan ter presenza en WhatsApp, facilitando incluso que nun mesmo teléfono podamos xestionar un número persoal e outro profesional.
WhatsApp Business conta con todas as funcionalidades da aplicación de mensaxería instantánea persoal, ás que engade a posibilidade de configurar un perfil de empresa (para poder amosar a información de contacto, o enderezo físico e web ou incluso o horario de apertura), permite configurar mensaxes automáticos de benvida ou de ausencia, conservando a compatibilidade con WhatsApp Web (para poder empregar a aplicación dende o ordenador) e incluso coa posibilidade de configurar a aplicación para o seu uso cun teléfono fixo (empregando como verificación de identidade unha chamada telefónica en vez dunha mensaxe de texto).
Estamos ante un importante paso por parte de WhatsApp, que até o momento só permitía o uso da súa plataforma no ámbito persoal, e agora comezaremos a ver as novas liñas de negocio que emprenderán para facer economicamente sustentable un servizo con volume de tráfico impresionante que é de balde para o usuario final.

PUBLICIDADE