WhatsApp confírmase como unha importante fonte informativa en España

luns, 26 de xuño do 2017 Marcus Fernández

O Reuters Institute en colaboración coa Universidade de Oxford publicou un informe sobre as novas no contorno dixital, que neste ano centra a atención en temas como as chamadas fake news (termo popularizado especialmente polo presidente Trump), os modelos de negocio fracasados e o pulo que están a tomar as plataformas na divulgación da información.
O informe recolle información de máis de 30 países en 5 continentes, o que serve para reflectir as contradicións que está a provocar a revolución dixital, con grandes contrastes entre países, e con grandes dúbidas sobre a veracidade das informacións. Este ano chamou poderosamente a atención o feito de que ao considerada a principal plataforma para a divulgación de novas, Facebook, saíulle un duro competidor na casa, WhatsApp, que en certos mercados ten un impacto importante na divulgación de novas, de xeito que en Malaisia xa usarían a ferramenta para informarse o 51% dos usuarios, destacando o crecemento en Brasil (que chegou ao 46%) e España (32%), o que pode resultar moi preocupante, xa que as aplicacións de mensaxería instantánea carecen de moitos dos elementos que facilitan o contraste da información, facilitando a proliferación de dixomedíxomes.
Só o 24% dos consultados consideran que as redes sociais fan un bo traballo separando feitos de ficción, en contraste co 40% dos medios de comunicación, no que parece reflectirse a percepción por parte dos usuarios de que as plataformas sociais priman a viralización ante o rigor. Chama a atención que o país no que se rexistrou un maior uso das redes sociais para informarse é España cun 58%, experimentando unha pequena caída fronte ao 60% do ano pasado (descenso que parece ser consecuencia da falta de confianza nesas plataformas e no crecemento de ferramentas como WhatsApp).
En países con grande polarización política tamén hai unha grande desconfianza nos medios, por terse percibido nos mesmos certo rumbo político; aínda que resulta igualmente preocupante o feito de que o 29% dos consultados recoñecen fuxir das novas non pola súa falta de credibilidade, senón polo seu impacto negativo no estado de ánimo.
Outro detalle a salientar é o uso do móbil no consumo de novas, que está a medrar con moita forza, de xeito que cada vez hai máis países nos que o móbil gaña ao ordenador (en España a porcentaxe do uso de smartphones para o consumo de novas chega ao 59%, superando incluso ao 55% dos EE.UU. ou ao 49% de Reino Unido). Igual de clara está a afinidade aos distintos medios como fonte de información en función dos rangos de idade, de xeito que canto maior é a idade maior é o consumo de televisión ou xornais en papel, mentres que a mocidade opta por redes sociais e medios en liña.

Vídeo no que destacan algúns resultados do informe do Reuters Institute

PUBLICIDADE