WhatsApp contará en breve con transcricións para as mensaxes de voz

xoves, 21 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Tras moitos meses en probas, tanto para iOS como para Android, WhatsApp anuncia oficialmente que nas vindeiras semanas chegarán a todo o mundo as transcricións de mensaxes de voz, ou sexa, que cando recibamos unha mensaxe de voz gravada, a aplicación de mensaxería interpretará o que di e permitiranos consultar unha versión en texto, facilitando que poidamos saber rapidamente de que trata ou que poidamos atendelo aínda que esteamos nun ambiente ruidoso (así como tamén a función pode axudar moito a localizar contidos entre as mensaxes recibidas).
As transcricións xéranse no nos propio dispositivo, ou sexa, que nin sequera dende WhatsApp coñecerán o seu contido, e esta función debe activarse por parte do usuario, xa que será preciso que elixamos o idioma de transcrición (inicialmente o español está entre os mesmos, aínda que aseguran que ampliarán no futuro o número de linguas dispoñibles) para que se poida instalar en local no noso teléfono un paquete de idioma que facilitará a transcrición (dun xeito semellante ao que acontece nos teléfonos Samsung Galaxy cando queremos gozar das funcións avanzadas de voz).
Unha vez configurado o WhatsApp para ter dispoñibles as transcricións, cando seleccionemos unha nova de voz que recibamos teremos entre as opcións dispoñibles a de Transcribir, que permitirá convertela a texto, mellorando considerablemente a experiencia de uso de WhatsApp.
Dende WhatsApp aseguran que os idiomas dispoñibles para as transcricións actualmente son o inglés, o portugués, o ruso e o español, advertido de que as transcricións poden non ser precisas, e que se o idioma da mensaxe de voz non coincide coa lingua que teñamos para transcricións tamén podemos recibir mensaxes de erro. Sen dúbida, será interesante comprobar se o galego pode transcribirse como español ou como portugués.