WhatsApp denuncia ataques aos seus usuarios por parte dunha compañía israelí

venres, 31 de xaneiro do 2025 Redacción

Preto dun cento de xornalistas e outros membros da sociedade civil que usan WhatsApp foron obxectivo dun software espía da compañía israelí Paragon Solutions, segundo denunciou WhatsApp (Meta) ante The Guardian.
Non está claro quen estaba detrás do ataque. Como outros fabricantes de software espía, Paragon vende o seu software a clientes gobernamentais, e WhatsApp afirmou que non puido identificar que clientes ordenaran os presuntos ataques. Os expertos sinalaron que o ataque era de tipo zero-click, o que significa que os obxectivos non tiñan que premer en ningunha ligazón maliciosa para seren infectados.
WhatsApp rexeitou revelar onde estaban baseados os xornalistas e membros da sociedade civil afectados, e asegurou ter enviado a Paragon unha carta de cesamento e desestímeno, así como tamén está a explorar as súas opcións legais. A compañía asegurou que os presuntos ataques foran interrompidos en decembro, aínda que non estaba claro canto tempo puideron estar en perigo os obxectivos. WhatsApp está a notificar actualmente ás vítimas do ataque, que serán contactadas pola plataforma.