WhatsApp despídese dos móbiles clásicos de Nokia

mércores, 17 de xullo do 2024 Marcus Fernández

Ante unha poboación que se resiste a dar o salto aos smartphones en 2019 emerxeu unha versión de WhatsApp para KaiOS, un sistema operativo para móbiles relativamente básicos entre os que destacaban o Nokia 8110 4G, o Nokia 2720 Flip ou o Nokia 6300 4G, de xeito que a mensaxería de WhatsApp estaba dispoñible para dispositivos cun clásico deseño con botóns numéricos.
Esta versión limitada de WhatsApp incluso recibiu a funcionalidade de chamadas de voz en 2021, pero a festa non dura eternamente, e ao igual que os vellos iPhone e os móbiles con versións moi antigas de Android deixan de ter acceso a WhatsApp por motivos de seguridade, agora tocoulle a quenda a KaiOS, que está a anunciar dende a súa tenda de aplicacións, onde WhatsApp xa iniciou o seu proceso de desaparición, de xeito que xa acepta só a usuarios que estivesen identificados no seu dispositivo, que poderán seguir a utilizar a aplicación ata febreiro de 2025.
Deste xeito, os usuarios que accedan a WhatsApp a través de teléfonos básicos de Nokia terán que actualizarse a un iPhone ou a un móbil con Android se desexan seguir a comunicarse a través da aplicación de mensaxería de Meta.

A aplicación de WhatsApp para KaiOS incluso permitía facer chamadas de voz