WhatsApp estrea creador de adhesivos na súa versión web

xoves, 25 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Os adhesivos nas aplicacións de mensaxería instantánea convertéronse en todo un fenómeno, e para facilitar a creación por parte de usuarios que non teñan coñecementos avanzados, a versión web de WhatsApp vén de estrear un creador de stickers accesible dende o botón para incorporar ficheiros adxuntos.
A nova funcionalidade permite que o usuario seleccione a imaxe que queira, que pode recortala para dotala de fondo transparente, así como engadirlle emoticonas e texto, creando así imaxes que tras enviarse poden logo reenviarse entre usuarios de WhatsApp con total normalidade.
Na actualidade hai moitas ferramentas que facilitan a creación de adhesivos, pero que esta funcionalidade chegue a WhatsApp Web (e a semana que vén espérase que chegue á aplicación de WhatsApp de escritorio) fai moito máis accesible a creación destes gráficos transparentes que tan populares son como xeito de expresar emocións dun xeito simpático, así como para amenizar as comunicacións indo máis aló das posibilidades das emoticonas (que ao estar moi limitadas poden rematar aburrindo).

PUBLICIDADE