WhatsApp estrea mensaxes de vídeo

xoves, 27 de xullo do 2023 Marcus Fernández

As mensaxes de voz dentro de WhatsApp mudaron o xeito no que moita xente pasou a comunicarse, compartindo fragmentos sonoros en vez de mensaxes de texto, e agora queren repetir a mesma fórmula co vídeo, e presentan unha nova prestación de WhatsApp: as mensaxes de vídeo instantáneas.
Este novo formato de mensaxes de WhatsApp consiste en vídeos de até 60 segundos, que poden gravarse directamente dentro da aplicación, e como xeito de identificarse claramente de simples vídeos, preséntanse dentro dun círculo. A forma de gravar estes vídeos é moi semellante á gravación dunha mensaxe de voz, empregando incluso o mesmo botón de gravación, que agora, ao pulsar sobre o mesmo, alterna entre as iconas de micrófono e cámara para indicar se vai gravarse unha mensaxe de voz ou de vídeo.
Os vídeos enviados reprodúcense automaticamente sen son, e cando prememos neles o audio activarase para que poidamos escoitalos.
Esta funcionalidade está activa dende hoxe, aínda que a súa propagación será progresiva, polo que hai usuarios que tardarán varios días en poder gozar da prestación.